E Ares camiñou pola igualdade!

Comparte esta nota de prensa

Este sábado pasado, a veciñanza acudiu á Praza da Constitución, malia a choiva e o vento, para reclamar unha sociedade máis xusta; unha sociedade onde mulleres e homes poidan desenvolverse cos mesmos dereitos e oportunidades. Pese ás condicións metereolóxicas, realizáronse os dous percorridos deseñados, a andaina e a marcha urbana, coma exemplo do camiño percorrido e do que aínda queda por avanzar en materia de igualdade de xénero.

Unha xornada que terminou preto das 12:00 horas coa entrega dos agasallos conmemorativos ós participantes e a lectura dun manifesto por parte das representantes municipais, contando coa presenza das presidentas da Asociación Amas de Casa de Ares e Patronato Concepción Arenal, amais do alcalde da localidade.

A través do manifesto, salientouse a “necesidade de afianzar todos os avances obtidos” a prol das mulleres e a importancia de situar a violencia machista non coma un problema individual, senón xa coma “un problema social, coa obriga de dar resposta inmediata dende os poderes públicos”.

A concelleira de Igualdade e Benestar, Victoria Montenegro, coma representante da organización do evento, aludiu ó carácter metafórico de Camiña pola Igualdade, “unha reivindicación do 8M para amosar as dificultades que, coma sociedade, aínda temos que superar para acadar unha sociedade cunha igualdade plena e real”.

Colaboraron, durante a execución dos percorridos, Protección Civil de Ares, Asociación Cultural Trouleada, Grupo de Gaitas Aresán e Bimares

Pódeche interesar