Dúas marchas, o proxecto “Control Off” e un monólogo de educación afectiva e sexual para reivindicar a igualdade de xénero

Comparte esta nota de prensa

O 8M permitirá que comunidade educativa, Concello e veciñanza participen conxuntamente en múltiples actividades a prol dunha sociedade xusta e libre de violencia machista.

Hoxe, 4 de marzo, abrirá a programación municipal co monólogo de Patty Diphusa, “Sexo seguro, Seguro? Seguro!” e pecharase o sábado, 12, con “Móvete pola Igualdade”.

O Concello de Ares vén de completar toda a programación relacionada co 8M, Día Internacional da Muller, incluíndo as actividades que levará a cabo o CIM da localidade coa comunidade educativa do CPI As Mirandas. Dende o ente municipal promoveranse dúas marchas, un total de 28 charlas dentro do proxecto Control Off e, no eido cultural, o monólogo de educación afectivo-sexual levado a cabo por Patty Diphusa.

A primeira das marchas reivindicativas organizarase o próximo xoves, 10 de marzo, ás 14.00 horas, e conectará ao Concello, a tódolos cursos do CPI As Mirandas e tamén ás asociacións de Amas de Casa de Ares e Concepción Arenal. Percorrerá o núcleo urbano da vila dende o colexio ata a Praza da Constitución, con lectura de manifesto por parte do alumnado, e suporá a terceira edición da iniciativa.

A esta marcha súmase a xa planificada para o sábado, 12 de marzo, “Móvete pola Igualdade”, que permitirá á veciñanza defender a inclusión da muller na sociedade a través da práctica deportiva. Non obstante, no evento poderán participar todas as persoas que o desexen, homes e mulleres, sempre e cando sexan maiores de 12 anos.

A maiores destes eventos, o Centro de Información á Muller (CIM) e o CPI desenvolverán un amplo proxecto de obradoiros para previr a violencia de xénero dende este mes de marzo, co galo do 8M, ata final do curso académico. Os obradoiros Control Off chegarán á localidade financiados entre o Concello e o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e axudarán ó alumnado da ESO a aproximarse ás relacións afectivas saudables; a definir e identificar a violencia de xénero ou a establecer mecanismos de prevención desta violencia na contorna dixital, sempre dende unha metodoloxía participativa e aberta ó debate.

Tanto a marcha do xoves, 10, coma este conxunto de obradoiros seguen a planificación da Concellaría de Igualdade de traballar coas xeracións máis novas, dándolles espazo e recursos para definir un horizonte de igualdade de oportunidades, dereitos e responsabilidades entre homes e mulleres.

As actividades relacionadas co Día Internacional da Muller complétanse dende a perspectiva cultural co monólogo de Patty Diphusa que se programa dende a área de Cultura para hoxe, venres 4, ás 19.00 horas. Todo un espectáculo baseado no humor para entender como construímos as nosas relacións íntimas con entrada libre na biblioteca municipal de Ares.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña