DegustAres, unha ruta do pincho para gozar da gastronomía local

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Turismo e Comercio estreará un concurso de tapas, en colaboración co tecido hostaleiro de Ares, que promove o consumo local durante dúas fins de semanas de maio. 

A hostalería de Ares terá un espazo para amosar o valor gastronómico dos seus pinchos no mes que vén dentro da iniciativa do “DegustAres”, o concurso de tapas que organiza a Concellaría de Turismo e Comercio e que foi presentado hoxe mesmo na casa consistorial. Nas xornadas do 7, 8, 14 e 15 de maio, turistas e veciñanza poderán catar diferentes tapas nos locais colaboradores da iniciativa, que competirán para ver cal se leva a maior puntuación dos clientes.

Na presentación, a concelleira Lucía Blanco resaltou a importancia do DegustAres, en tanto que supón unha “iniciativa que, máis aló do mero feito de que sexa en formato de concurso, pretende dinamizar social e economicamente o municipio. Trátase de promover o consumo nos nosos establecementos, mais tamén animar á xente a través da gastronomía”
.
Así, os clientes saberán de antemán os horarios nos que estará dispoñible a tapa en cada bar ou restaurante, dentro das dúas fins de semana da ruta, para probalos e valoralos do 1 ao 10 empregando unha folla deseñada para o concurso, que irá cuñada polo local no que se probou o pincho. A folla cuberta poderá depositarse nalgunha das urnas espalladas nos locais participantes, que centralizarán a recollida de votos para a súa contabilización ao termo da iniciativa.

1.700 EUROS EN PREMIOS

De cara a motivar a participación, a Concellaría de Comercio e Turismo habilitou premios tanto para clientes como para os establecementos colaboradores. As persoas que se animen a participar no concurso e depositen as súas cartillas de valoracións nas urnas entrarán nun sorteo de 5 vales de 100 euros cada un –todos eles para gastar no tecido comercial de Ares–.

A maiores destes 500 euros, inclúese unha partida de 1.200 euros para os establecementos gañadores, é dicir, aqueles que obteñan as maiores puntuacións por parte do voto popular. O DegustAres contará cun primeiro premio por valor de 500 euros, un segundo dotado de 400 euros e un terceiro premio de 300 euros, acompañados todos eles polos diplomas acreditativos do posto acadado.

Estas contías para os locais tamén se darán en forma de vales, co fin de continuar promocionando o comercio local e a hostalería. Serán, polo tanto, 1.700 euros en total que se terán que investir nos comercios anteriormente adheridos á campaña municipal de consumo de proximidade, “MercAres”.

A inscrición para que os establecementos formalicen a súa participación na ruta do pincho abrirá oficialmente o luns, 11 de abril, e estenderase ata o 22 deste mes.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña