O BLUE STAR
En novembro de 2019, encaia na costa aresá o barco Blue Star, un espectáculo que chamou a atención tanto dos aresáns como da xente próxima, rompendo co devir cotián do municipio.
Foron varios os intentos de sacar o barco da ría, pero da mesma forma que a serea das Mirandas decidiu estar un tempo na nosa vila, o Blue Star mantívose encallado desde o 22 de novembro ata o seu desenlace, o 10 de decembro.
Durante eses días, Ares experimentou unha gran afluencia de persoas e unha ampla cobertura mediática, de maneira que o Concello decidiu construír posteriormente un miradoiro, para que se puidese seguir gozando da natureza e os fermosos cantís que presenciaron o encaiamento do barco.
RODAXES NO MUNICIPIO
Pai
Casares (TVG)
Rodado nas rúas de Redes, o pai Horacio Casares, formado nun moderno seminario xesuíta, ten un soño: ir a Ruanda como misioneiro, pero é destinado a Santo Antonio de Louredo, unha pequena vila da costa galega, para substituír a don Crisanto, o párroco de toda a vida. Horacio e os veciños de Louredo terán que facer fronte ás súas diferenzas, aprendendo a convivir e aceptarse os uns aos outros.
A serie obtivo dous Mestre Mateo en 2008 (mellor serie de televisión e mellor realización) e foi emitida desde ese mesmo ano ata o 2015, con 232 capítulos. A Praza Pedregal de Redes converteuse nunha imaxe común na serie, enxalzando o patrimonio mariñeiro da localidade.
Julieta
(Pedro Almodóvar)
Trátase dunha película do gran director Pedro Almodóvar, gravada en 2016 nos arredores do porto de Redes. Uns 250 mariñeiros e habitantes de Ares tomaron papel de extras nas gravacións. Julieta representou oficialmente a España nos Óscar de 2016 e obtivo numerosos nomeamentos e premios nos festivais internacionais, desde Cannes aos BAFTA.
Julieta narra a dor dunha nai, Julieta, afectada polo abandono e o sentimento de culpa, quen decide escribir unha carta á súa filla Antía, da que non sabe nada desde hai 12 anos. Cando Julieta se topa cunha amiga da súa filla en Madrid antes de partir a Portugal, decide quedar na capital e cancelar a súa viaxe para escribir todo o sucedido na vida da súa filla desde o día que coñeceu ao seu pai ata o presente.
Concepción Arenal,
A visitadora de cárceres
Unha produción baseada na colaboración da TVG, Canle Sur, TVE e Televisió de Catalunya, entre outros, que se centra na figura da ferrolá Concepción Arenal como visitadora de cárceres para mellorar as condicións precarias das presas da época. Arenal marcou un antes e un despois no sistema penal español do século XIX, ao expoñer as súas deficiencias e levar a súa voz ata o interior de Europa.
A película tomou como unha das súas localizacións principais o Mosteiro de Santa Catarina, reconvertido nunha prisión do XIX onde se recreaban a dureza das súas condicións. Un espazo relixioso e cultural, agora tamén cinematográfico, que non se pode perder.