Comunidade educativa e representantes municipais marchan para reivindicar a igualdade de xénero

Comparte esta nota de prensa

A iniciativa, realizada este mediodía no núcleo urbano da localidade, celebra e conmemora os contidos do 8M, Día Internacional da Muller

O principal obxectivo desta actividade: dar voz e protagonismo á mocidade coa lectura dun manifesto na Praza da Constitución de Ares.

O CPI As Mirandas, a través de tódolos cursos da ESO, xunto co Centro da Información á Muller (CIM), a Concellería de Igualdade e Benestar e a veciñanza sumaron esforzos e reivindicacións para expoñer a importancia da igualdade entre homes e mulleres e a necesidade de visibilizar e eliminar a violencia machista na nosa sociedade.

A marcha deste xoves, 10 de marzo, organizada entre o CIM e o CPI As Mirandas, partiu ás 14.00 horas do colexio municipal e percorreu o núcleo da vila para finalizar na Praza da Constitución, sempre cunha mensaxe a prol da participación activa e igualitaria da muller no tecido social.

Na Praza da Constitución, as mozas e mozos alzaron a voz cun manifesto consensuado, como xa sucedera noutras ocasións, e achegaron as súas visións e críticas en materia de igualdade de xénero. Na súa lectura, a mocidade salientou a “importancia da muller para construír un futuro máissostible. Cremos que a única maneira de chegar á igualdade é dende a educación en valores, sempre igualitaria e non sexista, xunto cunha información veraz e unha xustiza social” que permita que a mocidade “se desenvolva libremente: libres para sentir, pensar e actuar por nós mesmos, sen sometementos”. Rapaces e rapazas sintetizaron o contido do seu manifesto cunha máxima moi clara: “igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible”, uníndose e apoiando o lema das Nacións Unidas.

José Luis Castro, psicólogo do CIM de Ares, expuso tamén a idea dunha igualdade de xénero aínda por obter na nosa época. “Aínda seguen existindo obstáculos para acabar cos desequilibrios históricos nos que fai pé a discriminación”, segundo as palabras de Castro, ao mesmo tempo que defendeu o papel do “fogar e a escola coma espazos básicos para transformar a nosa sociedade e traballar a prol dunha igualdade real”.

A marcha deste mediodía concluíu coa mirada posta na actual situación internacional, especificamente no conflito bélico que se está a producir en Ucraína. Yolanda Castro, como unha das coordinadoras do evento e técnica de Normalización Lingüística do CPI As Mirandas, pechou o acto coa idea de que “a violencia nunca é o camiño para conseguir nada. Non podemos ser impasibles ante a dor das mulleres e nais que foxen coas súas fillas e fillos da guerra. Dende aquí gritamos con rotundidade Non á guerra”.

 

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña