Dende hoxe, mércores, ata o venres 30, o evento proporciona formación e diversión nos seus adestramentos dentro da vila. A sétima edición de Nadal inclúe desta volta preto de 20 xogadores e xogadoras.
O VII Campus Chiquibasquet abriu esta mesma mañá as súas portas para encher o pavillón polideportivo municipal de baloncesto. O evento, organizado por Chiqui Barros coa colaboración da Concellaría de Deportes, estenderase ata o 30 de decembro e permitirá acabar o ano mellorando o nivel técnico e táctico dos seus participantes.
De feito, preto de 20 mozos e mozas de entre 5 a 18 anos decidiron pasar estas datas formándose e, sobre todo, divertíndose. A aprendizaxe lúdica volve a estar no eixo da programación desta sétima edición do Campus, xunto coa mellora non só deportiva, senón tamén persoal da mocidade.
As metodoloxías educativas traballarán o compañeirismo e adaptaranse ás idades e niveis en baloncesto de cada xogador. Os máis pequenos poderán aprender mecánicas de tiro –como colocar o corpo, o brazo, como sae o balón… – ou o traballo de botes e os máis maiores poderán perfeccionar cuestións como a interiorización de movementos tras superar aos atacantes ou o tiro despois do bote.