Ares contará dende este mércores ata o 5 de novembro con múltiples programacións culturais para que toda a familia, e sobre todo os máis pequenos, desfruten dunhas xornadas divertidas e “terroríficas”.
Os buscapistas precisarán de inscrición previa na biblioteca municipal da localidade ou contactando co 981 448 057 e custarán, ao igual que o contacontos, 3 euros por neno/a.
A Concellaría de Cultura vén de anunciar as catro actividades que se espallarán ao longo dos próximos días para que Ares celebre os tradicionais Samaín e magosto. As programacións culturais arrancarán xa o mércores, 2 de novembro, e pecharanse o sábado, 5 de novembro, cunha festa familiar completa en colaboración coa Sociedade Cultural O Tilo.
Nesta oferta cultural do Concello destaca especialmente a reconversión da Alianza Aresana nun espazo ao servizo do terror máis encantado. Este mércores, xoves e venres, as instalacións onde se atopa a biblioteca municipal acollerán dous buscapistas e un contacontos tematizados para a ocasión destinado ós máis pequenos/as. Terán un custe de 3 euros por neno, pero haberá un desconto do 50 % para as familias numerosas.
Os buscapistas produciranse o 2 de novembro para as crianzas de 3 a 6 anos (18:30 horas) e tamén na xornada seguinte, o mesmo xoves, para os nenos e nenas de 7 a 11 anos (19:00 horas). En ambas ocasións, precisarase reserva previa no 981 448 057 cun máximo de 3 nen@s por persoa e a necesidade de acudir á actividade con lanterna.
No caso do contacontos terrorífico, organizarase o 4 de novembro en dúas quendas mantendo as mesmas franxas de idade que nos buscapistas: unha ás 16:30 h. (pequenos de 3 a 6 anos) e outra ás 18:00 h. para os de 7 a 11 anos.
O peche da programación municipal será o sábado, abarcando gran parte da tarde con moitas actividades para non deixar a diversión atrás. Dende as 17:00 horas na Praza da Constitución (ou, se chove, na pista cuberta do CPI As Mirandas), haberá obradoiros de manualidades, un photocall da S.C. O Tilo, inchables, un concurso de cabazas, un espectáculo musical infantil e, por suposto, moitas castañas asadas que forman parte da celebración do magosto.