O equipo que vén de presentarse este sábado en Ares, o primeiro desta tipoloxía en toda Galicia, aposta por ofrecer un espazo onde as afectadas pola doenza poidan beneficiarse da mellora física e, sobre todo, psicolóxica do deporte colectivo.
A Alianza Aresana acolleu este sábado pasado a presentación oficial das Sereas das Mirandas, o proxecto que nace como unha rede de apoio e unha oportunidade para a práctica deportiva supervisada, de calidade e adaptada ás mulleres que están en proceso de recuperación tras o cancro de mama. O evento converteuse así no lanzamento e contextualización da iniciativa á sociedade, tanto ao tecido asociativo como aos interesados pola práctica do remo en todas as súas modalidades e innovacións.
Presentes no acto estiveron todos os promotores das Sereas: o Concello, co alcalde de Ares, Julio Iglesias, e a concelleira de Deportes, Noelia Montero, amais do resto de integrantes do goberno local; o Club Remo de Ares, a través de Jose Montero, e a Universidade de Sevilla (US), co investigador Juan Gavala.
Ademais, os asistentes puideron comprobar xa nos primeiros compases da presentación as posibilidades reais de consolidar un equipo de remo destas características: as Leonas do Guadalquivir sumáronse á presentación dende o propio río sevillano, retransmitindo en directo parte do entrenamento das dúas embarcacións dispoñibles.
Precisamente o alcalde de Ares, Julio Iglesias, na súa introdución, contextualizou o inicio das relacións entre todas as entidades involucradas: como a traineira do Club Remo de Ares, previa invitación dende Sevilla, chegou a navegar polas augas do Guadalquivir e comprobar a materialización da iniciativa das Leonas. “Fomos testemuñas dun programa innovador só practicado en Sevilla e Málaga. E pensamos que era posible facelo en Ares, e aínda máis ao longo de toda a costa de Galicia, cunha afición ao remo tan consolidada”, salientou o rexedor aresán.
Como investigador da Universidade de Sevilla (US) e un dos axentes implicados nas Leonas, Juan Gavala afondou nas súas investigacións centradas no patrón de movementos do barco dragón, cunha amplitude moito maior que, por exemplo, o que precisan as embarcacións de remo.
Unha nova concepción do cancro de mama
Apoiado noutros artigos académicos que defendían o impacto positivo do deporte na recuperación da doenza, Gavala formulou a proposta dun remo supervisado, adaptado a cada nivel, baseado na evidencia científica e, en esencia, que fose da man dunha concepción menos restrictiva do cancro de mama. Destas máximas emerxeron as Leonas do Guadalquivir e as Dragonas de Málaga, os dous exemplos dos que beben as Sereas das Mirandas e que poñen enriba da mesa os beneficios, contrastados cientificamente, do remo adaptado.
Foi Ángela Claverol, remeira das Leonas, a que explicou a súa propia experiencia persoal co remo adaptado: “logrou cambiar a miña perspectiva vital. Permitiu volver a pensar que é posible ter unha vida máis ou menos normal: volver a vivir”. O remo, en realidade, era secundario: o fundamental era ver como axudaba a diminuír o tratamento médico e, sobre todo, comprobar a mellora psicolóxica que supoñía remar. Tamén Carmen
Chao, integrante do equipo sevillano de remo, alentou a sumarse ao proxecto das Sereas, malia os reparos iniciais que puidera haber.
