A programación cultural e deportiva do Concello, presentada hoxe, inclúe máis de 25 actividades para múltiples públicos, infancia, familias e adultos, dende mañá, 3 de decembro, ata o 5 de xaneiro de 2023.
As Concellarías de Cultura e Deportes xa teñen todo listo no tocante ó abano de iniciativas que promoverán en Ares para somerxerse no Nadal, coordinando os dous aspectos, o cultural e o deportivo, para achegar unha oferta de dinamización da localidade o máis completa posible. Así, o Concello vén de facer pública hoxe a programación navideña con máis de 25 actividades, arrancando mañá, 3 de decembro coa peza teatral “Unha obra para un barrio” ata o 5 de xaneiro, coa Cabalgata dos Reis Magos.
Mais nesta edición aos eventos xa asentados no municipio, como é o caso da Cabalgata de Papá Noel da man da S.C. O Tilo ou o XI Certamen de Panxoliñas, súmanse novidades dende a Concellaría de Cultura. Unha delas, o 22 de decembro (18:00 horas na biblioteca municipal) será o bingo solidario a favor da Asociación Española contra o Cancro, con delegación propia en Ares. Outras novas iniciativas chegan principalmente da man da música, como é o caso da actuación para as familias e crianzas de Pati Lesta e Christian Leggiero (28 de decembro, Alianza Aresana, 18:00 h.) “Cantando con Pinocho” ou o concerto de Mar de Fado (30 de decembro, Alianza Aresana, 20:00 h.), un cuarteto que chega dende Portugal.
No relativo ó aspecto deportivo, o 18 de decembro Ares e Mugardos acollerán a XVII Carreira Popular de Fin de Ano (na que xa poden inscribirse os corredores), e a partir desa data o municipio contará con actividade deportiva tanto nas parroquias coma no centro da vila para terminar o 2022 en movemento. Tenis de mesa, minibaloncesto, fútbol sala, xogos lúdicos nas parroquias… e, sobre todo, a posibilidade de despedirse do ano con bo ritmo dentro da sesión de zumba do 31 de decembro (12:00 horas) na Praza da Constitución.
Con todo, é importante destacar que algunhas destas actividades requiren inscrición previa. Así acontece nos obradoiros culturais de manualidades de Nadal e pastelería creativa, que habilitará a inscrición a partir do martes, 13 de decembro ata esgotar prazas no 981 448 057 ou presencial nas instalación da Alianza Aresana, pero tamén nas sesións de tenis de mesa e as actividades baixo a iniciativa “A xogar!”, que precisarán de reserva previa no Pavillón polideportivo municipal de Ares (dispoñible ata o xoves, 22 de decembro).