Ares recibirá preto de tres millóns de euros para o Mosteiro de Santa Catalina

Comparte esta nota de prensa

O municipio é 1 dos 79 concellos de todo o territorio español en conseguir esta subvención do Ministerio de Industria e Turismo, que vén de dar a coñecer a resolución definitiva das axudas.

Esta mesma mañá, representantes do Concello e da Subdelegación do Goberno en A Coruña visitaron o cenobio aresán, que será obxecto de múltiples actuacións grazas a achega dos fondos estatais.

As cubertas, os claustros, os retablos, as pinturas murais, os aseos ou as carpinterías serán algúns dos elementos sobre os que se intervirá.

Boas novas en materia urbanística para o municipio aresán: o Goberno de España vén de resolver definitivamente as liñas de axuda do Programa de Mellora da Competitividade e Dinamización do Patrimonio Histórico con uso turístico, nas que o Concello de Ares resultou seleccionado como 1 das 79 administracións de todo o Estado beneficiarias desta subvención.

Así, Ares recibirá un investimento de 2.999.998 euros para mellorar e impulsar un dos tesouros patrimoniais da vila, o Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, grazas a estes fondos procedentes do Ministerio de Industria e Turismo, enmarcados dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

E co foco posto nesta concesión da liña de axuda –un 100 % do solicitado polo Concello–, a subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas, visitou esta mesma mañá o Mosteiro de Santa Catalina xunto co alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, e a edila de Cultura, Alma Barrón.

As autoridades institucionais supervisaron así o estado do cenobio aresán, no que se actuará proximamente seguindo a estratexia de dignificación e posta en valor que leva aplicando o goberno local ao longo das últimas lexislaturas.

 

Actuacións para a dignificación do Mosteiro

Na información proporcionada dende a área de Urbanismo destaca as múltiples posibilidades de intervención que se abrirán con estes fondos: substituíranse e repararanse as cubertas, traballarase nas carpinterías, promoveranse intervencións de mellora da accesibilidade na sala principal e antesala, haberá unha restauración do retablo e das pinturas murais, reformas nos aseos... entre outras accións contempladas dentro da planificación inicial.

En esencia, o  conxunto de proxectos a executar serán fundamentais á hora de avanzar na senda de dignificación dunha das xoias arquitectónicas da comarca de Ferrolterra. As futuras intervencións sumaranse progresivamente ás xa executadas polo Concello, que van dende a recuperación do Cabido de Montefaro á rehabilitación dunha das fachadas e da cociña ou a incorporación de toda unha estrutura de iluminación ornamental nocturna.

Coma peche, dende o Ministerio de Industria e Turismo explicaron que a selección dos 79 proxectos se baseou en criterios de “calidade e potencialidade turística”, amais da súa “viabilidade” na execución.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña