A nosa localidade vén de ser recoñecida co distintivo de Bandeira Verde da Xunta de Galicia por primeira vez, xunto con outros 23 concellos das provincias galegas que lideran, como Ares, o coidado paisaxístico das súas contornas. A Bandeira Verde actúa como unha acreditación do compromiso de veciñanza e Concello co medioambiente e o patrimonio natural, visibilizando a súa condición de territorio responsable e comprometido na mellora da eficiencia enerxética, a xestión dos residuos municipais, a ordenación do territorio e a protección da paisaxe, entre outros.
No que atinxe a Ares, o goberno local impulsou nos últimos anos toda unha infraestrutura verde, ecolóxica, que contribúe a asentar prácticas de reciclaxe e coidado medioambiental, como é o caso da posta en marcha dos puntos limpos fixos e o punto limpo móbil; a instalación de paneis fotovoltaicos en edificios de titularidade municipal; a colocación de luminarias LEDs nos núcleos urbanos do municipio ou a materialización dunha rede de composteiros individuais nos fogares das familias aresáns.
Ao acto de entrega do distintivo que se promoveu en Laracha acudiu, en representación do Concello de Ares, a edila de Turismo e Medioambiente, Lucía Blanco, para formalizar a recepción da Bandeira outorgada pola Xunta. Así, a localidade aresá e San Sadurniño sitúanse como as dúas únicas administracións de toda a comarca coa insignia verde neste 2024.