Ares e outros 10 municipios conclúen que as modificacións do plan de transporte non solucionan os problemas na comarca

Comparte esta nota de prensa

Nun escrito de alegacións dirixido á Dirección Xeral de Mobilidade sinalan os puntos críticos da proposta da Xunta de Galicia.

O Concello de Ares, xunto con A Capela, Cabanas, Miño, Monfero, Neda, Ferrol, Narón, Fene, As Pontes e Pontedeume veñen de enviar un escrito á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta coas alegacións á recente modificación do anexo do plan de transporte público de Galicia. O documento consensuouse nunha reunión entre os municipios afectados celebrada en Pontedeume, na que revisaron a proposta concluíndo que non soluciona os problemas de transporte na zona.

Os concellos asinantes subliñan que a modificación impulsada pola Xunta de Galicia non reflicte a problemática do transporte colectivo na comarca. Segundo os representantes municipais, os cambios introducidos polo ente autonómico non achegan ningunha solución ao problema dos veciños e veciñas de municipios como Pontedeume, relativos, sobre todo, a unha redución de paradas e frecuencias e a un deficiente funcionamento do servizo.

Doutra banda, os representantes municipais piden á Xunta de Galicia concreción na integración doutros modos de transporte, prevista na citada modificación. Destacan que deben ser os autobuses os que presten o servizo de transporte de viaxeiros por estrada. Ademais, esixen a especificación da implantación e condicións de uso das alternativas propostas, como o transporte compartido e/ou baixo demanda.

Os once concellos recalcan que esta modificación non especifica que administración ou administracións deben asumir a diferenza na compensación das tarifas zonais. Finalmente, os representantes municipais solicitan a convocatoria das mesas de seguimento dos convenios, así como de reunións entre os concellos e a Dirección Xeral de Mobilidade, pois son fundamentais para que se informe correctamente sobre as modificacións do plan de transporte, deixando tempo de marxe para presentar as oportunas alegacións. Esta última medida xa estaba pactada entre a Dirección Xeral e os entes municipais, pero non se recolle no documento remitido ós concellos.

RECOLLIDA DE SINATURAS MUNICIPAL

En relación coa situación do transporte metropolitano na contorna de Ares, o Concello tamén continua coa súa campaña de recollida de sinaturas para remitir ós organismos responsables e á empresa adxudicataria. Así, esta acción sumarase ás alegacións consensuadas entre os once concellos, reivindicando especificamente unha mellora das problemáticas actuais do municipio nas súas conexións con Mugardos e con Ferrol.

A veciñanza pode asinar o documento e apoiar as solicitudes do Concello na casa consistorial, no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro e tamén no CIRS de Cervás, entre outros espazos

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña