Ares duplicou este verán o número de visitantes en comparación co ano pasado

Comparte esta nota de prensa

Os datos emitidos pola Oficina de Información Turística (OIT) arroxan unha tendencia de aumento constante nas últimas tres anualidades, mantendo a tipoloxía de turismo da localidade: público nacional que valora a comodidade e a seguridade.

Os meses de xullo, agosto e setembro de 2022 sáldanse cun total de 1402 visitantes acudindo á OIT, 744 persoas máis que en 2021.

A Oficina de Información Turística (OIT) municipal vén de facer público o seu balance do verán; uns resultados que actúan coma parámetros para medir o pulo do turismo en Ares e que permiten obter unha panorámica da situación poscovid-19 no período estival.

Coa mirada posta nos tres últimos meses, a Oficina de Información Turística recibiu 468 visitantes en xullo, 806 en agosto e 128 en setembro. En total, preto de 1.400 persoas que chegaron ó punto informativo para satisfacer as súas necesidades sobre o municipio e a súa riqueza turística.

Poñendo os datos en contexto cos mesmos meses de anteriores períodos, Ares certifica un incremento sólido de visitantes á OIT: o verán de 2020 saldouse con 395 visitantes, o de 2021 con 658 e, agora, péchase o exercicio estival de 2022 con 744 persoas máis ca anterior anualidade.

Lucía Blanco, concelleira de Turismo, aproveitou a publicación do balance para achegar a súa análise: “recibimos os datos de crecemento moi positivamente, aínda que tamén é importante ver o aumento de servizos turísticos que temos: este verán puxemos en marcha as visitas ao Alboio de Quinín, reorganizamos os percorridos guiados no Mosteiro de Santa Catalina e puidemos desfrutar de Ares dende a costa, coas rutas de sendeirismo, e dende o mar, coas viaxes no barco M. Presas. Temos claro que natureza e patrimonio arquitectónico son dous dos nosos recursos máis relevantes”, finalizou.

No relativo ó Mosteiro de Santa Catalina, a Oficina de Información Turística estima en máis de 300 persoas o número de visitantes que decidiu percorrer un inmoble fundamental na historia local da península de Bezoucos. E no caso do Alboio de Quinín en Redes, principal novidade da campaña estival, achegáronse aproximadamente 130 persoas para coñecer a estreita relación do municipio coa migración e o mar.

A base do turismo en Ares: visitantes nacionais

A tipoloxía de turistas que desfrutan de Ares mantén unha tónica xa consolidada no concello: trátase dun perfil concreto, familias que valoran a comodidade da localidade e a seguridade das súas praias, e que proceden fundamentalmente de Galicia, Madrid e País Vasco. Dentro do territorio galego, as principais cidade de orixe dos visitantes de Ares son Ferrol, Narón ou Lugo.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña