Ares concéntrase para amosar o seu compromiso con Ucraína e coa solidariedade entre pobos

Comparte esta nota de prensa

A veciñanza, representantes municipais do goberno local, o tecido asociativo e tamén as actuais familias ucraínas residentes en Ares asistiron á concentración realizada no núcleo urbano da localidade.

O acto de apoio a Ucraína organizado polo Concello arrancou onte na Praza da Constitución da vila en tres linguas. O galego, o castelán e o ucraíno estiveron presentes ao mesmo nivel e co mesmo obxectivo: rexeitar a acción bélica emprendida por Rusia e reivindicar a procura da paz no conflito internacional. A lectura das declaracións institucionais aprobadas unanimemente na sesión plenaria do Concello de febreiro supuxo o inicio dun evento que serviu, tamén, para solidarizarse coas dificultades que vive a poboación civil ucraína

Foron precisamente membros das familias con orixe ucraína residentes en Ares, xunto co alcalde da localidade, Julio Iglesias Redondo, os que puxeron voz ás declaracións institucionais. Nelas, condenáronse os ataques e o despregue militar de Rusia, resaltouse a importancia de retomar as negociacións como vía resolutiva da guerra e trasladouse todo o afecto ós ucraínos e ucraínas. A maiores, Julio Iglesias fixo fincapé no comportamento da veciñanza de Ares, “sempre unida para enfrontar as dificultades”, máis aínda en cuestións vencelladas coa solidariedade.

Ao acto asistiron as familias ucraínas que foron acollidas nesta última semana nos recursos habitacionais do municipio, tras a súa estancia inicial en Santiago de Compostela. A eles tamén se dirixiu o rexedor, co desexo de que tivesen unha “calorosa benvida” en Ares, transmitida dende os representantes municipais asistentes e a veciñanza que acudiu á Praza da Constitución.

O “Himno á Alegría”, interpretado pola Asociación Cultural Xábrega, serviu como un elemento simbólico máis para achegar ese afecto tanto ás familias ucraínas presentes como á poboación en xeral, ao tratarse dunha composición cun significado que vai alén das fronteiras idiomáticas.

ACCIÓN SOLIDARIA POLA PAZ DENDE O CPI AS MIRANDAS

Durante o desenvolvemento do acto, a comunidade educativa do colexio municipal As Mirandas levou a cabo a súa propia acción solidaria, en consonancia cos contidos do evento institucional. Realizaron unha recadación de fondos a través da venda de bolígrafos coa lenda “Pola Paz”, unha mensaxe positiva que expón non só a necesidade de parar o conflito bélico, senón tamén a importancia de acadar unha resolución pacífica do mesmo.

O recadado polos rapaces e rapazas destinarase, a través de Save the Children, integramente a axuda humanitaria para a infancia en Ucraína: dende apoio no seu acceso á educación ou a distribución de kits de inverno e de hixiene ata a entrega de achegas en efectivo ás familias para satisfacer necesidades básicas.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña