Ares celebra o Día das Bibliotecas cun contacontos e un espectáculo musical

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Cultura programa as actuacións para o xoves, 20 de outubro, e o venres, 21, ambas ás 18:00 horas na biblioteca municipal aresán.

Alma Barrón, edila de Cultura de Ares, vén de anunciar as dúas iniciativas que organizará o Concello para celebrar o Día das Bibliotecas 2022, unha data que defende o papel central que xogan estes espazos públicos no coidado da cidadanía e da comunidade na que se inscriben.

Así, o salón de actos da Alianza Aresana converterase no epicentro de dúas actividades que permutan entre a narración oral e a música:

O xoves, 20 de outubro, ás 18:00 horas, Tarabela Creativa desembarcará no municipio co seu contacontos “Quen ten cú, ten medo”, unha actuación “só para as familias máis valentes” que rescata historias da tradición galega: 60 minutos onde lobishomes, magas, monstros, a Santa Compaña ou as casas encantadas aparecen e desaparecen, pero sempre aprendendo a combater o medo que provocan coa risa.

O venres, 21 de outubro, no mesmo horario (18:00), Paco Nogueiras trae o seu espectáculo musical “C@nto contigo”. Música, baile e risas achegan o galego ás familias de maneira lúdica e divertida, con cancións para participar activamente e cun amplo abano de estilos, dende o tecno ao rock. Toda unha oportunidade para transformar a biblioteca municipal de Ares nun lugar onde cantar coas amizades.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.