Ares aproba a proposta de inversión do POS+2022 da Deputación

Comparte esta nota de prensa

A maior partida orzamentaria, 156.285 euros, está destinada á mellora de servizos e pavimentación na rúa San Xosé, que tamén contará cunha inversión de carácter municipal próxima aos 14.500 euros.

A maiores, os programas de emerxencia social e Servizo de Axuda no Fogar (SAF) veranse reforzados.

O Concello de Ares vén de aprobar na sesión plenaria deste xoves a distribución dos fondos do POS+2022 da Deputación da Coruña, que suporán unha inxección de 325.148,43 euros, aos que se lle sumarán 141.836,63 do Plan Complementario.

Con estes fondos provinciais, mais tamén contando con investimento municipal, o Concello promoverá dúas principais actuacións urbanísticas no núcleo urbano de Ares. A primeira consistirá nunha mellora de servizos e pavimentos na rúa San Xosé, no que se empregarán 156.285 euros do POS+2022, a maior partida do Plan Único, e 14.513 das arcas municipais, alcanzando un orzamento total de 170.798,28 euros.

Nesta actuación, renovarase a rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga e levaranse a cabo obras civís no alumeado, a electricidade e as telecomunicacións. Ao termo da intervención, cubrirase cunha capa de rodadura con aglomerado e instalaranse beirarrúas de loseta hidráulicas similiares á actual.

Para a segunda obra, o goberno local executará 141.836,63 euros do Plan Complementario da Deputación, sumándolle unha inxección de 13.303 euros dende o Concello para poder materializala. Neste proxecto tamén se contempla unha mellora de servizos e pavimentos na rúa Fomento, unificando o conxunto da área, pois xa se realizara unha renovación no tramo previo. Actuará sobre os mesmos elementos da rúa San Xosé (saneamento de augas pluviais e fecais, canalizacións de alumeado, electricidade…), a excepción dos traballos na rede de abastecemento.

A maiores, no plan provincial da Deputación recóllense tres bloques máis de investimento: unha partida de 118.500,54 euros para o gasto corrente, outra pequena aportación para reducción de débeda de 8.887 euros e uns fondos de 41.500 para os Servizos Sociais de Ares.

Reforzos no gasto social

A última inversión nomeada levarase a cabo, polo tanto, no eido da igualdade e o benestar, coma un reforzo no gasto social do municipio. Esta partida de mellora social basearase en dous eixos de actuación. Por unha banda, 36.000 euros destinaranse á ampliación do orzamento para emerxencias sociais, un programa que dá apoio económico ás unidades familiares que, pola súa vulnerabilidade, carecen de medios para asegurar a cobertura de necesidades básicas como a vivenda, alimentación, educación, subministros.

Por outra, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) reforzarase con 5.475,17 euros para paliar as situación de extrema urxencia que se poidan dar ao longo do ano nos domicilios de usuarios: empeoramento dunha persoa que precise de axuda integral, a indisposición médica do coidador principal.

Pódeche interesar