Ares aproba a distribución de fondos do POS+2023, que mellorará a infraestrutura na contorna do Porto e urbanizará o camiño de Maiobre

Comparte esta nota de prensa

A intervención principal, a que atinxe ao Porto, suporá un investimento de 207,792,92 euros, divididos entre a Deputación, con cargo a este POS, e o mesmo Concello.

A urbanización do camiño de Maiobre, en Lubre, introducirase no Plan Complementario cunha aportación económica total de case 70.000 euros entre ambas administracións.

A corporación municipal vén de aprobar na sesión plenaria extraordinaria desta mañá a proposta de inversión do POS+2023, unha importante inxección económica para o concello aresán de que permitirá materializar dúas grandes obras coordinando esforzos entre a Deputación da Coruña e o goberno local; mobilizaranse entre ambos proxectos urbanísticos máis de 180.000 euros da entidade da provincia e preto de 93.000 euros do Concello de Ares.

A primeira das actuacións producirase nas rúas Caramanchón, dos Mártires e San Xoán, todas elas situadas na contorna urbana do Porto, co foco posto na mellora dos servizos. Renovarase o saneamento de augas fecais e pluviais, xunto co alumeado, a infraestrutura de electricidade e de telecomunicacións e a pavimentación completa das tres rúas en formigón de cor.

Este proxecto será o que contará cun maior orzamento: 207.792,92 euros repartidos entre a institución aresán (90.125,94 euros) e o POS+2023 (117.666,98 euros).

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, aproveitou a aprobación desta mesma mañá para contextualizar a mellora de servizos nas rúas do Porto: “daremos continuidade ó esforzo municipal que se vén realizando nunha área de especial importancia para Ares polo seu valor urbanístico e histórico; seguiremos traballando pola humanización de todo o Porto, na mesma liña que xa fixemos na rúa Cisne ou nos Reais Alfolíes, incluíndo a súa praza”.

A maiores, a segunda das actuacións que se proxectan inscríbese no Plan Complementario e implicará a execución da urbanización do Camiño de Maiobre, na parroquia de Lubre, partindo dun orzamento de 69.216,17 euros asumidos entre Concello e Deputación.

José Juan Vilar, edil de Obras, resaltou que “se trata do principal acceso ao núcleo de Maiobre, na actualidade moi deteriorado polo impacto da auga pluvial, e cun firme en mal estado. Coa súa urbanización, aplicaremos un aglomerado en quente, e abriremos e limparemos as cunetas para  que se poida canalizar a auga pluvial correctamente”.

Xunto a estas contías destinadas a intervencións urbanísticas, o POS+2023 tamén inclúe 143.300,78 euros para o gasto corrente do concello.

Uns 42.000 euros para reforzar o gasto social

A aprobación do Plan Único de 2023 no pleno achegará un reforzo do orzamento do Departamento de Servizos Sociais de Ares a través do denominado coma POS Social. Achegaranse así 41.796,06 euros destinados ao programa de emerxencias municipais, unha mellora que permitirá ampliar os fondos que dan apoio económico ás unidades familiares en situación de vulnerabilidade.

Co investimento, melloraranse os medios que dan cobertura a cuestións básicas de vivienda, alimentación, educación, saúde… e, así, poderán sufragarse as principais necesidades que se detecten na vila en materia de exclusión social, segundo o marco da ordenanza reguladora de emerxencias do Concello.

Pódeche interesar