Ares acolle unha exposición sobre os oficios do mar e do litoral

Comparte esta nota de prensa

Inscrita dentro do proxecto de cooperación de “Ares e Valdoviño no Mar” impulsado por ambos Concellos, está conformada por varios paneis didácticos situados no paseo marítimo, xusto diante do consistorio, durante o San Xoán

Seguindo coas actividades enmarcadas dentro do proxecto cooperativo que se mantén con Valdoviño, o municipio de Ares acolle neste mes de xuño unha exposición de paneis didácticos centrados nas actividades do mar que caracterizan á contorna e as súas xentes. Durante as xornadas do 23, 24 e 25 de xuño, a veciñanza e visitantes poderán achegarse ó paseo marítimo, diante da casa consistorial, para afondar nos seus contidos.

A través da exposición trabállase na divulgación dos oficios vinculados ao mar, os tesouros do litoral aresán e as actividades deportivas que se levan a cabo no municipio, tan importantes para a identidade da vila. Cada un dos catro paneis que conforman a exposición vai dedicado ás seguintes temáticas: a arquitectura mariñeira e a fisionomía da vila, o oficio da pesca, o remo e a memoria mariñeira e o litoral. Os paneis inclúen códigos QR cos que se poderá acceder ao contido en español e inglés e ademais, desfrutar do testemuño de dúas das moitas persoas que dan autenticidade á costa de Ares: Félix, patrón dunha das embarcacións de pesca do porto aresán e José, vicepresidente e secretario do Club de Remo de Ares.

Eles son unha pequena representación de todas as persoas que colaboraron, tanto na elaboración dos paneis como no resto das actividades enmarcadas no proxecto de Ares e Valdoviño no Mar. Persoal da Confraría de Pescadores, integrantes do Club de Remo ou rexentes de pequenos negocios locais son algunhas das persoas que axudaron, cos seus coñecementos e o seu tempo, a desenvolver este proxecto e a construír a historia dunha exposición que trata de poñer en valor o litoral, os seus recursos e as súas xentes.

O proxecto de cooperación no que se contempla esta actividade expositiva «Valorización da actividade mariñeira a través dos espazos litorais e das prácticas deportivas acuáticas nos municipios de Ares e Valdoviño. Ares e Valdoviño no mar» foi promovido por ambos concellos e conta co apoio dos GALP Golfo Ártabro Norte e A Mariña-Ortegal, a través das axudas concedidas na convocatoria extraordinaria de 2021.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña