A veciñanza aresán poderá desfrutar de dúas actuacións realizadas por artistas e compañías internacionais, primeiro na Alianza Aresana e logo no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro, nas xornadas do 22 e 23 de setembro respectivamente.
O venres, 22, e o sábado, 23 de setembro, Ares converteranse nun dos anfitrións do Festival Internacional de Entes Animados na súa quinta edición; un evento no que participan varios municipios da comarca e que supón unha boa oportunidade para achegarse a artistas de alta calidade vencellados á arte dos monicreques.
Desta maneira, dentro das preto de 20 actuacións que integran toda a programación cultural do festival, Ares contará con dúas datas de organización:
O venres, 22 de setembro, ás 19:00 horas, a compañía italiana Bambabamdin, recalará na Alianza Aresana co seu espectáculo “Arlequiniadas”. Nesta actuación, Arlequín, quen debería presentar o espectáculo, escóndese detrás das cortinas do teatrillo e, despois de ser descuberto, vese obrigado a saír e comezar a función. Comeza así unha aventura chea de peripecias na que debe enfrontarse a enganos, dentadas do seu can, consellos do doutor Balanzone e máis, todo mentres tenta escapar de situacións perigosas.
Doutra banda, desde Portugal chegará Historioscopia, interpretando o título “No conto da Raposa” o sábado, 23 de setembro, ás 20:00 horas no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro. Este espectáculo é unha antoloxía de contos inspirados na tradición oral portuguesa, protagonizados pola astuta Raposa. A actuación combina narración de historias con teatro de marionetas ao estilo tradicional, celebrando a sabedoría da cultura popular en historias divertidas e actuais.