Rúa María, 11
A escola da “Alianza Aresana” é o gran símbolo da sociedade de instrución que desde América revolucionou o ensino galego de principios do século XX, inspirando a creación de sociedades e escolas indianas por ducias de vilas galegas.
A escola, situada ao lado da igrexa parroquial de Ares, péchase cunha muralla de pedra e ferro feita en 1911 pero realmente abre as portas á instrución e ás novas oportunidades xa dende 1906, que é cando aparece o primeiro proxecto de construción. Os emigrados fan gala dun sentido do progreso, elegante e solidario, transparente e a prol das oportunidades para as novas xeracións populares.
Formigón armado, deseño oxival dos lineis nas fiestras, pilastras monumentais, pedra das canteiras de Estacas, madeira de castiñeiro e piñeiro do país… todo encaixa para ir dando paso ao corpo de aulas para nenos (1908), e logo o de nenas (1920-1925). É entre 1924 e 1936 que os dous corpos se xuntan, do mesmo xeito que tantos e tantos emigrados se xuntaron alá na Habana para non esquecer o que deixaran deste lado do mar e mirar polo seu progreso.
Pero para saber máis terás que escoitar a audioguía que podes atopar aquí:
Un de Santiago, unha de Mugardos, e un de Lugo, pasean por Ares. Que nos poderán contar eles que nós non saibamos?