Abre a Oficina de Turismo de Ares con novos servizos de guía

Comparte esta nota de prensa

Neste verán, o Mosteiro de Santa Catalina verá ampliado o número de visitas guiadas, realizándose o luns e xoves, e promoveranse percorridos polo alboio de Redes os martes e venres.

Tamén se mantén o aluguer de bicicletas municipais e ofrecerase información sobre as rutas marítimas e de sendeirismo que están activas.

O stand de Turismo aresán vén de poñerse en marcha nestas últimas semanas para atender o fluxo de visitantes que recibirá a localidade a partir de xuño. Así o anunciou a Concellaría de Turismo, precisando o seu horario de apertura e algunhas das novidades para o período estival.

Así, a Oficina de Turismo atenderá de luns a venres, de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén os sábados en horario similar: ampliará unha hora para poder pechar preto das 14:00, mantendo sen cambios a franxa da tarde. Na caseta, xa se poderán realizar as inscricións en varias das actividades e iniciativas de dinamización social e turística, como é o caso das visitas guiadas por lugares de interese patrimonial.

De feito, este verán as novidades e cambios recaen no Mosteiro de Santa Catalina e o alboio de Redes. Nos dous espazos habilitaranse dúas xornadas de visitas guiadas polas técnicas de turismo, sempre en horario de mañá (de 11:00 a 13:00): os luns e xoves os percorridos serán no Mosteiro e os martes e venres, no alboio.

Dende a Oficina de Turismo invitan a sumarse a estas rutas guiadas, ao ser unha forma accesible e gratuíta de achegarse ao patrimonio relixioso ou mariñeiro aresán. A visita no Mosteiro implica coñecer quen o fixo e divulgar a figura de Fernán Pérez de Andrade, amais do seu pasado franciscano, namentres que o roteiro polo alboio implicará afondar no seu uso, o contexto mariñeiro e as ligazóns do espazo con Redes e o mar.

SERVIZO DE ALUGUER DE BICICLETAS

Como xa se vén poñendo en marcha dende 2007, a Oficina contará co ‘Bicicletares”, o servizo municipal de aluguer de bicicletas que fomenta vías alternativas de mobilidade pola contorna de Ares. A caseta será o lugar onde se centralice a inscrición, a recollida e o depósito das bicicletas, que partirán de diferentes tarifas de aluguer:

  • 2,60 euros por persoa para unha bicicleta durante medio día e 4,16 euros pola xornada completa
  • Para grupos formados por tres persoas ou máis, terá un custe de 1,56 euros por medio día e 3,12 euros polo aluguer do día completo.

A maiores, a Oficina ofrecerá información sobre as rutas marítimas no M. Presas, os percorridos de sendeirismo municipais que están activos ou os principais atractivos turísticos. As persoas interesadas poden inscribirse nas actividades e preguntar as súas dúbidas no 981 468 259, no horario de atención ao público.

Pódeche interesar