A xornalista Susana Fraguela Vale gaña o II Premio de Novela Curta Alén do Concello de Ares

Comparte esta nota de prensa

O xurado da II Edición do Premio de Novela Curta Alén do Concello de Ares xa fallou a segunda edición da convocatoria literaria. A gañadora deste ano é a xornalista Susana Fraguela Vale, autora da novela “Enfiando a vida“. O premio ascende a 2.000 euros e conleva a posterior publicación da obra pola editorial Hércules de Edicións. Este prestixioso premio literario ten como obxectivo fomentar a creación literaria e celebrar a riqueza cultural da emigración galega, así como da literatura en lingua galega.

A novela premiada foi elixida por unanimidade polo xurado, composto pola crítica literaria Blanca Roig Rechou, a docente universitaria especializada en literatura xuvenil Rocío García Pedreira e a editora de Hércules de Edicións Laura Rodríguez Herrera, que destacou a calidade literaria e a profundidade temática da obra.

Enfiando a vida” é a primeira novela galardoada de Susana Fraguela Vale, aínda que conta cunha extensa colección de relatos curtos que testemuñan a súa paixón pola escrita. A autora, que se dedica á comunicación, soubo capturar na súa obra unha fusión das súas experiencias persoais e familiares, tanto en Galicia coma nas súas viaxes a Escocia.

A II Edición do Premio de Novela Curta “Alén” está impulsada pola concellaría de Cultura que dirixe Alma Barrón e a editorial Hércules de Edicións, cuxa editora Laura Rodríguez destaca “a importancia deste premio literario para achegar aos lectores e lectoras historias sobre a nosa emigración e tamén para descubrir novos talentos na literatura en lingua galega”.

Pola súa banda, a concelleira Alma Barrón resalta “a aposta continua que seguimos realizando dende o Concello para impulsar esta literatura que dignifica os procesos migratorios de Galicia, con tantas pegadas na memoria de Ares. A través desta obra de Susana Fraguela, somos testemuñas de como a emigración impacta non só en quen marcha, senón tamén en quen convive coa ausencia do migrante a través dunha historia familiar con saltos temporais”.

A entrega do premio e a presentación do libro terán lugar o 18 de agosto de 2024, no marco da festividade do Ares Indiano, fortalecendo a conexión existente entre o concurso e a celebración dun evento que conmemora a memoria da migración local.

Sobre a gañadora

Susana Fraguela Vale, xornalista da primeira promoción en Galicia, dedicou a súa vida á comunicación. Orixinaria de Cariño, atopou na escritura a súa verdadeira vocación, reflectida na súa obra premiada “Enfiando a vida“. As súas experiencias en diferentes cidades e a súa paixón polos viaxes enriqueceron a súa perspectiva e estilo narrativo.

Hércules de Ediciones

Hércules de Ediciones é unha editorial galega con sede na Coruña, fundada en 1985 por Francisco Rodríguez Iglesias. Desde entón, destacouse por promover a cultura galega a través de obras de divulgación rigorosas e de calidade. Baixo a dirección de Laura Rodríguez Herrera, a editorial independente ampliou o seu alcance publicando obras contemporáneas, literatura infantil e xuvenil, todo iso cun enfoque no feminismo, na diversidade e na divulgación cultural.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña