Máis de trescentos corredores, chegados de distintos puntos de España, tomarán parte na Montefaro Enduro Race, terceira proba puntuable para a Copa de España de BTT Enduro, que se disputará o domingo na zona de Montefaro

O evento, organizado por Pulpeiros de Murgados, e que conta coa colaboración dos Concello de Ares e Mugardos, prevé para a xornada do hoxe, venres 27, a posibilidade de que os inscritos poidan percorrer, preferiblemente a pé, para preservar o circuito nas mellores condicións, os camiños polos que transcorrerá a proba, para visualizar os itinerarios propostos pola organización.

Ao longo de mañá sábado, día 28, os participantes recibirán os dorsais e xa poderán rodar sobre o terreo para o recoñecemento de cada un dos 6 tramos cronometrados, 38 kilómetros de distancia total e 1.440 metros de desnivel acumulado aos que se terán que enfrontar o domingo.

MEDIDAS ESPECIAIS DE TRÁFICO PARA O DOMINGO 29

Dende a Policía local de Ares infórmase das medidas especiais que rexerán para o control de acceso de vehículos o día de realización da proba. Así, o dispositivo previsto para o domingo 29 contempla que dende as 8.00 h. ata as 16.00 h. restrinxirase o paso de vehículos dende o camiño das Salgueiras ata o cruce co camiño Real. Fóra dese tramo e horario, o acceso de vehículos á zona de Montefaro estará permitido para o público en xeral, e tamén se permitirá o acceso do público á proba, cumprindo as sinalizacións e estritas medidas de circulación que serán indicadas en todo momento polo persoal de seguridade.