A exposición “Nós somos elas” recala en Ares para visibilizar o papel das mulleres na sociedade

Comparte esta nota de prensa

A Alianza Aresana contará con 24 fotografías de retratos femininos no seu ámbito privado e laboral, todas elas realizadas polos fotógrafos Vidal.

Estará dispoñible ata o 25 de setembro, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas.

A Alianza Aresana acolle dende hoxe, venres, 9, ata o 25 de setembro a exposición “Nós somos elas”, unha iniciativa que se materializa na localidade grazas á colaboración da Concellaría de Igualdade e Benestar e á Deputación da Coruña, que a cede.

“Nós somos elas” está integrada por máis de vinte fotografías que poñen o foco na figura das mulleres, retratadas nun contexto privado e laboral e inmersas no mundo rural ou mariñeiro. A mostra constrúe así un relato colectivo a través das instantáneas seleccionadas do Arquivo Fotográfico Vidal, dentro da colección permanente do Museo do Mar de Laxe, sempre co desexo de visibilizar o rol destas mulleres na sociedade da súa época.

Mais a exposición non só conta con fotografía, senón que inclúe creacións poéticas para poñer en relación o texto e a imaxe. Estas creacións proceden das mans de autoras contemporáneas coma Berta Dávila, Ana Romaní, Lucía Aldao ou Mercedes Queixas e achegan as súas visións particulares sobre a temática.

A mostra poderá visitarse de luns a venres, de 9:00 a 14:00, no que é o horario actual de apertura da biblioteca municipal de Ares.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.