A Corporación aproba a ordenanza de uso social do galego na administración local

Comparte esta nota de prensa

O documento regulador recolle o emprego da lingua na atención ao público, as publicacións informativas, a rotulación ou a xestión dos nomes das rúas.

Iolanda Gomis, técnica no Servizo de Normalización Lingüística municipal, expuxo a importancia de protexer a toponimia e a riqueza lingüística de Ares coma unha forma de proxectarse no mundo. 

O Pleno deste luns vén de aprobar por unanimidade a ordenanza do uso social da lingua galega na administración local, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística compartido entre Ares, Cabanas, Mugardos, Valdoviño e Neda. O documento supón unha base reguladora para dar forma e mellorar a documentación, os procesos lingüísticos e as comunicacións en galego da institución aresán.

A ordenanza, en palabras de Iolanda Gomis, técnica do Servizo de Normalización, “é o seguinte paso para promover a lingua na administración dentro do marco normativo autonómico previo. É unha vestimenta, unha imaxe de atoparse a prol do galego e cunha vontade de proxecto. Todo o que tomamos en serio está vestido, proxectado cunhas bases normativas, e iso é o que buscamos coa ordenanza”.

Gomis tamén expón a importancia de protexer a riqueza e biodiversidade do galego na contorna municipal, traballando para que “o Concello poida converterse nun motor do seu fomento”. “O camiño é este. Hai un galego de Ares, uns topónimos de praias e nomes propios que outorgan unha gran riqueza e que temos que preservar. Eses son algúns dos grans de area que achegamos ao mundo”, salientou.

Tal e como se recolle no documento aprobado, a iniciativa bebe do marco normativo que deu a Lei de Normalización Lingüística 3/1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), sustentos da visión das corporacións locais coma axentes activos na implementación do galego nas contornas de carácter municipal.

Por iso, a actual ordenanza recolle e regula o uso social do idioma, entre outros aspectos, na atención ao público, na documentación, publicacións e accións informativas ou na sinalización e rotulacións promovidas polo Concello. Tamén en todo o relacionado coas toponimias e nomes de rúas, coma parte do impulso institucional a prol do idioma galego.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña