O roteiro levarase a cabo os días 20 e 21 de maio cun custo de 65 euros, incluíndo guía, seguros, transporte, aloxamento e almorzo.
O autobús partirá da Praza da Igrexa de Ares o sábado ás 06:30 horas e regresará ao mesmo punto o domingo ás 19:30 horas.
A primeira etapa (A Fonsagrada- O Cádavo) levarase a cabo o sábado 20 de maio, cunha distancia de 26 quilómetros e unha dificultade alta. Tras pernoitar no albergue San Mateo no Cádavo, o segundo percorrido (O Cádavo) iniciarase o domingo 21 de maio, cunha distancia de 15 quilómetros e un nivel de dificultade medio.
Durante o camiño, realizaranse algunhas paradas para descansar, hidratarse e repoñer forzas. Ademais, desde a organización establecéronse dous puntos nos que aqueles que o desexen poidan subir ao autobús para dirixirse ao albergue: concretamente na altura de Parada Vella, no quilómetro 13 do roteiro, e outro en Lastra, no quilómetro 17.
O itinerario está pensado para percorrer dúas etapas da ruta de peregrinación máis antiga que existe, acompañados de exuberante vexetación e restos arqueolóxicos de gran valor.
Non perdas a oportunidade de vivir esta emocionante experiencia de sendeirismo polo Camiño Primitivo con SendAres!