A Concellaría de Cultura organiza unha nova edición do ‘Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares’

Comparte esta nota de prensa

O certame fotográfico anima á mocidade de entre 8 a 18 anos a presentar as súas instantáneas do 7 ao 31 de outubro, coa posibilidade de sumarse ó calendario municipal de 2025 e gañar unha tablet ou cámara fotográfica, amais dun lote de libros.

Haberá dúas categorías de participación: de 8 a 12 anos e de 13 a 18 anos. En ambas deberán remitirse as fotografías de xeito electrónico a concursofotografia@concellodeares.com.

A área de Cultura do Concello, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), convoca o VIII Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares, un convite dirixido á mocidade da localidade para que se exprese a través da práctica fotográfica, capturando espazos, lugares, obxectos e situacións da súa contorna que consideren parte da súa identidade; unha forma de observar e recoñecerse en pequenas historias e paisaxes, vencellándose así coa memoria colectiva aresá.

Poderá concorrer todo mozo ou moza de 8 a 18 anos, empadroada en Ares ou que sexa alumnado/a do CPI As Mirandas nalgunha das dúas categorías habilitadas: categoría A (de 8 a 12 anos) ou categoría B (de 13 a 18 anos). Estipúlase dentro de cada unha dúas tipoloxías de galardóns, cunha cámara de fotos ou tablet para o 1º Premio e un lote de libros para o 2º e 3º Premio. As fotografías gañadoras formarán parte do calendario do concello 2025 que se reparte por todo o municipio, sempre coa autoría debidamente identificada.

O prazo de presentación das instantáneas arranca o luns, 7 de outubro, estendéndose até o 31 de outubro ás 20:00 horas. Os participantes poden mandar un máximo de dúas fotografías ao correo electrónico concursofotografia@concellodeares.com, co asunto VIII Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares, incorporando ademais os formularios de participación e de identificación debidamente cubertos e asinados, xa dispoñibles en www.concellodeares.gal. No caso de que nas fotografías aparezan terceiras persoas deberán achegar tamén escaneada a autorización de imaxe asinada por elas.

En termos técnicos, as fotografías deberán ter un formato JPGEG ou JPG, sen ningún tipo de edición ou mellora, e un tamaño de 6 a 12 megapíxeles. Terán que ser orixinais, tomadas ao longo do 2024 e non publicadas con anterioridade.

O xurado designado pola Concellaría de Cultura elixirá un total de 6 fotos, 3 dentro de cada categoría, seguindo criterios de creatividade, orixinalidade da instantánea, representatividade de Ares e adecuación ás bases do propio certame.

Para máis información ou dúbidas, pódese preguntar na OMIX (Edificio Alianza Aresana, rúa María 11) ou no teléfono 981 448 057.

 

 

DIPTICO CONCURSO FOTOGRAFIA 2024

Cartel Concurso Fotografía 2024

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña