A Biblioteca Municipal de Ares recibe o seu Sexto Premio Nacional “María Moliner de Animación á Lectura”

Comparte esta nota de prensa

O equipo bibliotecario xa obtivo o Premio María Moliner nos anos 2016, 2017, 2020, 2021 e 2022, o que demostra o compromiso continuo coa promoción da lectura e a cultura da nosa contorna.

O premio inclúe unha contía de 2.772,22€, que se destinará a adquisición e mellora dos fondos bibliográficos.

O equipo bibliotecario de Ares, composto por Caridad Nieto, Beatriz Martínez e María Serrano, foi distinguido unha vez máis co prestixioso premio estatal “María Moliner de Animación á Lectura” na súa edición XXIII.

Este recoñecemento, concedido polo seu traballo de dinamización sociocultural na Alianza Aresana, é a sexta vez que o equipo de Ares recibe o galardón.

O premio María Moliner é un recoñecemento ao labor desenvolvido por bibliotecas de toda España que se destacan polo seu labor na promoción da lectura e a animación cultural. Nesta edición, un total de 15 bibliotecas de Galicia foron premiadas, sendo 5 delas da provincia da Coruña: Ares, Carballo, Miño, Oleiros e Ortigueira. É importante destacar que a biblioteca de Ares obtivo a mellor puntuación da provincia e posicionouse no terceiro lugar a nivel galego.

O proxecto “Ares, un mar de actividades” foi recoñecido como unha iniciativa exemplar no fomento da lectura e a participación comunitaria. O equipo bibliotecario de Ares desenvolveu unha ampla gama de actividades, entre as que se inclúen animación lectora, contacontos, premios literarios, club de lectura, encontros con autores, conferencias, actividades para a mocidade,  celebración de datas literarias e culturais, conservación e difusión do patrimonio local, así como manualidades e talleres.

Co proxecto “Ares, un mar de actividades”, o equipo bibliotecario puxo de relevo a rica tradición mariñeira e pesqueira da nosa localidade, unha comunidade arraigada na vida do mar. “Da mesma maneira que o mar é inmenso e infinito, o noso equipo proxecta, deseña e executa innumerables actividades para todas as idades  da nosa comunidade, con ilusión, respecto e agarimo”, manifestaron Caridad, Beatriz e María, indicando que “o noso principal obxectivo é lograr que os usuarios e usuarias gocen da lectura, do libro e de todas as actividades deseñadas desde a nosa biblioteca”.

Sobre o Premio María Moliner:

O Premio María Moliner de Animación á Lectura, creado polo Ministerio de Cultura e Deporte de España, ten como obxectivo recoñecer o traballo das bibliotecas públicas na promoción da lectura e a mellora dos servizos bibliotecarios. Este premio, que se outorga anualmente, busca fomentar a excelencia na xestión e animación das bibliotecas, así como destacar o papel fundamental que desempeñan no desenvolvemento cultural e educativo da sociedade.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,