A biblioteca municipal de Ares recibe o seu quinto “María Moliner de Animación á Lectura”

Comparte esta nota de prensa

O equipo bibliotecario, que xa obtivo este galardón nos anos 2016, 2017, 2020 e 2021, vén de ser premiado con preto de 2.800 euros na XXII edición desta iniciativa estatal.

Ares e a súa biblioteca municipal están de celebración esta semana despois de recibir unha das últimas novas relacionadas coa actividade de dinamización sociocultural na Alianza Aresana. O equipo bibliotecario integrado por Caridad Nieto, Beatriz Martínez e María Serrano volve a ser premiado por quinta vez co “María Moliner de Animación á Lectura”, unha distinción que supón recibir 2.770 euros para a adquisición e mellora dos fondos bibliográficos.

O proxecto presentado este ano baixo o nome “Alianza Aresana: una biblioteca con muchas historias” constitúese coma unha liña de traballo para lembrar todos os relatos e lembranzas que aínda fican arredor do edificio da Alianza, un referente educativo e cultural de Ares. Desta maneira, o equipo bibliotecario conectou as historias de vida dos veciños e veciñas que se educaron alí coas actividades propias de dinamización lectora.

Así, traballouse coa historia indiana de Ares e do edificio que acolle a biblioteca, mais tamén con contacontos, obradoiros e tertulias “para construír unha ampla variedade de actividades que tiveran o foco posto nos máis pequenos e nas persoas maiores, os nosos principais públicos”, en palabras de Caridad Nieto.

UN RECOÑECEMENTO PÚBLICO Á CONSTANTE LABOR DE DINAMIZACIÓN

Sexa como for, a continua obtención deste premio é tamén un recoñecemento público á labor constante da biblioteca aresán nas tarefas de animación á lectura da veciñanza, á integración social na comunidade e á eficiencia na xestión bibliotecaria.

Tras a resolución definitiva, a biblioteca de Ares é unha das dez premiadas en toda Galicia co María Moliner, e unha das catro na provincia da Coruña xunto con Ortigueira, Mañón e Oleiros.

“Participar ano tras ano supón unha motivación extra. Non perdemos a ilusión e continuamos mellorando as actividades para acercar a biblioteca aos veciños e veciñas. Intentamos involucrar a todo o mundo, avós, pais, nais, netos…”, salientou a bibliotecaria Caridad Nieto, ao fío da obtención do galardón en 2016, 2017, 2020, 2021 e, finalmente, tamén en 2022.

Pódeche interesar