A área de Cultura programa unha visita ao Centro Dramático Galego de Compostela

Comparte esta nota de prensa

A veciñanza poderá acudir ao espectáculo “A Peste” completamente de balde, incluíndo o desprazamento en autobús dende Ares.

A actividade desenvolverase o sábado, 12 de febreiro, saíndo da vila ás 17.45 e regresando aproximadamente ás 23.00 horas, baixo reserva previa na Alianza Aresana.

O Concello súmase á iniciativa lanzada polo Centro Dramático Galego para facilitar o acceso e desprazamento da veciñanza ao espectáculo “A Peste”, dirixido e asinado por Cándido Pazó. Desta maneira, habilitarase un autobús que sairá o 12 de febreiro da Porta do Sol (Froiz) ás 17.45 horas, con regreso aproximado ás 23.00. Tanto a entrada á función teatral coma o bus son de balde, costeado entre a Concellaría de Cultura e o Centro Dramático Galego, e estará aberto a todo o mundo: veciñanza de Ares e persoas interesadas doutras contornas.

A obra do Centro Dramático Galego adapta ó teatro a novela homónima de Albert Camus, unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e os individuos ante situacións de crises. A historia céntrase nas circunstancias das persoas encerradas nun contexto de loita contra a praga, buscando sentido ao que viven primeiro por razóns de supervivencia egoísta, mais despois a partir dos esforzos comunitarios para seguir adiante. Unha reflexión literaria, mais agora tamén teatral que traza paralelismos co experimentado nestes últimos tempos tanto pola covid-19 coma por outras pandemias relacionadas coa fame, as migracións ou o cambio climático.

Haberá 50 prazas asignadas para reservar previamente contactando vía telefónica co 981 448 057 ou inscribíndose na propia biblioteca municipal de Ares. Así mesmo, dende a Concellaría de Cultura lembran que é obrigatorio contar co certificado de vacinación contra a covid-19 para acceder ó espectáculo teatral.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña