A Academia do Mar finaliza a súa primeira formación ó tecido hostaleiro aresán

Comparte esta nota de prensa

Na tarde de onte, o profesor Alberto Pita afondou no proceso ideal para a preparación do café, dende o emprego adecuado da cafeteira ós axustes térmicos que garanten o mellor resultado posible.

A Academia, inscrita dentro do selo Ares Ultramarino, promoverá dous cursos formativos máis destinados a traballadores, empresarios e outros postos relacionados co sector da hostalería.

Ao longo da xornada de onte, o bar O Parrocho acolleu o inicio dun dos tres cursos formativos e gratuítos dentro da Academia do Mar, unha das principais liñas de actuación da planificación sociocultural de Ares Ultramarino, financiada a través do GALP Golfo Ártabro Norte. A iniciativa arrancou coa presentación de Lucía Blanco, concelleira de Comercio, do docente Alberto Pita, profesor de Hostalaría e Turismo da Xunta de Galicia, que impartiu as nocións básicas como barista, centrándose na preparación profesional do café.

Durante a formación, Pita divulgou os elementos centrais nos que poñer a atención: a máquina e o emprego das tazas, o moliño, a elección da materia prima máis adecuada e o bo facer da man do camareiro e camareira. Mesmo o xogo de temperaturas e os balances térmicos son fundamentais para obter un café ben preparado, sen estar queimado ou resultar excesivamente amargo.

Ao remate do curso, a concelleira Lucía Blanco salientou “o resultado tan positivo pola alta participación de xuventude, que será quen poida dirixir a modernización e renovación do sector hostaleiro local”. Dende a Concellaría de Comercio, Lucía Blanco expón que se está a conseguir un dos obxectivos da Academia do Mar, que é “axudar na profesionalización dos negocios e das súas rutinas”, achegando estas formacións gratuítas precisamente para mellorar o servizo e a calidade xeral da hostalería aresán.

OPTIMIZACIÓN DE MENÚS E PRÁCTICAS DE CONSERVACIÓNS

Os seguintes cursos da Academia do Mar produciranse nas xornadas do 27 de abril e 4 de maio na Alianza Aresana, dende as 17.30 horas, e impartiranse por Miguel Silvarredonda, contrastado docente de cociña e colaborador en departamentos de I+D en empresas alimentarias.

O 27 de abril centrarase na optimización de menús, de cara a confeccionar pratos rendibles e aprender a extraer de cada un deles os seus custes derivados e os ingresos reais obtidos. Con eses datos, os negocios poderían variar e probar diferentes combinacións que redunden nunha mellora de toda a carta en termos económicos.

Na data do 4 de maio, o foco destinarase á conservación de produtos e envases para o servizo de comida para levar (takeaway), achegándose ás últimas novidades como o envasado ao baleiro ou a eliminación de envases de plástico e os non reutilizables no día a día dos negocios.

As persoas interesadas poden inscribirse vía telemática na páxina web municipal (https://concellodeares.com), no apartado dedicado á Academia do Mar; no número de teléfono 618 004 110 ou no correo electrónico academiadeturismo@sihaho.com.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña