Entre ambas iniciativas entregaranse un total de 600 euros en premios, todos eles divididos en vales de diferentes contías que se terán que investir nos establecementos aresáns adheridos ao evento.
Ao mesmo tempo que se presentaba a programación do Ares Indiano, a Concellaría de Cultura dirixida por Alma Barrón tamén desvelaba a organización de dous iniciativas, un concurso e un sorteo, que se activarán a próxima fin de semana e que poñen o foco nun doble público: por unha banda, os negocios e, pola outra, as persoas que se animen a achegarse caracterizadas ó evento.
NEGOCIOS: Concurso de Decoración do Ares Indiano
O Concurso de Decoración invita aos establecementos da vila a decorar o escaparate ou local con motivos indianos, facer unha fotografía e enviala ao e-mail cultura@concellodeares.com ou ao whatsapp 690 021 106. Xunto a ela, haberá tamén que enviar a ubicación do espazo no que se atopa e os datos persoais de contacto.
O prazo máximo para participar será ata o domingo, 21 de agosto, ás 12:00 horas. Ese mesmo día, preto das 22:00, realizarase o fallo do premio entre todas as fotografías recibidas que cumplan os requisitos das bases. O xurado comporase por 3 persoas relacionadas coa organización e asesoramento da celebración indiana que seleccionará aos gañadores en función da fidelidade da recreación, a súa orixinalidade e vistosidade.
Unha vez obtido o resultado final, este publicarase na páxina de Facebook do Ares Indiano e contactarase coas persoas gañadoras. Os premios serán 3 vales de 100 euros canxeables nos locais da vila adheridos ao evento.
PERSOAS CARACTERIZADAS: Sorteo de Vestimenta Indiana
O Sorteo de Vestimenta Indiana convida a participar a toda persoa que acuda caracterizada de época ó Ares Indiano independientemente do seu rango de idade. Para sumarse a esta iniciativa, deberán achegarse ata o stand municipal instalado na Avda. Saavedra Meneses número 16, no seu horario de apertura, e recoller a papeleta nominativa de participación.
O prazo de inscrición habilitado abarcará dende o venres, 19 agosto, ás 19:00 horas ata o domingo, 21, ás 20:00 horas. É dicir, durante as tres xornadas que abranguen todo o Ares Indiano.
Ao peche do domingo, sortearanse 6 vales por importe de 50 euros na Praza da Constitución (22:15 horas, aproximadamente), que deberán canxearse igualmente nos establecementos da vila adheridos á celebración indiana.
En relación con estas dúas iniciativas, a concelleira de Cultura, Alma Barrón, alentou a engalanar os locais, mais tamén animou “á xente a caracterizarse para que, entre todos, ambientemos a nosa localidade e fagamos un mellor Ares Indiano”.