Esta mesma mañá, os representantes municipais dos concellos involucrados e da Xunta de Galicia clausuraron o curso de formación profesional Reinicia VIII, entregando ó alumnado-traballador os diplomas de profesionalidade que acreditan o proceso de especialización realizado nos últimos meses.
Neste acto de peche organizado no consistorio mugardés estiveron presentes os alcaldes de Ares, Julio Iglesias; de Mugardos, Juan Domingo de Deus; de Cabanas, Carlos Ladra e de Fene, Juventino Trigo. En representación do ente autonómico acudiu Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol.
Coma aconteceu noutras edicións, o Reinicia puxo o foco no desenvolvemento de competencias profesionais en entornos reais de traballo, de cara a promover unha experiencia laboral próxima ás esixencias de cada profesión. No obradoiro deste ano, recibiron formación dez persoas en “Actividades de conservación e mellora de montes” e outras dez en “Atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio”, incluíndo en ambos casos contratos laborais de formación e o proceso de aprendizaxe durante nove meses.
Durante o Reinicia VIII, o alumnado levou a cabo traballos de interese público nos concellos promotores: dende as tarefas de roza nas baterías aéreas da Bailadora (Ares) ó mantemento de camiños forestais (Mugardos) ou as actuacións na praia da Madalena (Cabanas). Tamén prestaron servizos de atención sociosanitaria a persoas dependentes a domicilio.