A iniciativa da área de Medioambiente implica a colocación de novas sinalizacións en espazos verdes e o reparto de dispensadores de bolsas para excrementos das mascotas na casa consistorial.
Ares contará durante as próximas xornadas cunha acción que sitúa o foco no coidado do espazo público, tras o anuncio feito pola Concellaría de Medioambiente na que expuso a posta en marcha dunha campaña de concienciación destinada ós propietarios de mascotas. A iniciativa buscará promover boas condutas e garantir unha mellor convivencia nas rúas e parques do municipio.
Así, dentro da campaña, o Concello repartirá de maneira totalmente gratuíta e dende a próxima semana 300 dispensadores de bolsas para recoller as deposicións, que estarán a disposición da veciñanza na casa consistorial da localidade. Os dispensadores están compostos de fibra de bambú cun mosquetón de transporte e 15 bolsas biodegradables incluídas.
A maiores, a campaña de concienciación tamén conleva a colocación de carteis polos parques da vila de Ares, como é o caso do parque Rosalía, baixo o lema “Non deixes no chan o que é do teu can”, recordando a necesidade de coidar a limpeza dos espazos compartidos e ser responsables coas actuacións das mascotas.
Lucía Blanco, concelleira de Medioambiente, salientou que “o reparto de dispensadores gratuítos desexa axudar na mellora desta problemática, achegando o material necesario para a recollida das deposicións”. Tamén fixo fincapé en “que falamos incluso dun acto obrigatorio de limpeza e seguridade de Ares, tal e como está estipulado na propia ordenanza municipal” dende 2020.