VIDA MARIÑEIRA

A ría de Ares sitúase no centro do Golfo ártabro, como o xeógrafo Otero Pedrayo nomeou ao peculiar sistema litoral conformado polas rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol en honra aos seus poboadores orixinarios, que os romanos coñeceron como ártabros. A riqueza da ría en peixe e mariscos, alimentada pola lama do río Eume, convocou a vida dos ártabros cara a ese mar interior, que costeaban en embarcacións de madeira, vimbia e coiro curtido. Segundo o deducido a partir das fontes, practicaban a pesca de baixura nos meses de verán, e tamén o marisqueo de moluscos como o mexillón, o berberecho, a ostra ou a ameixa, pero tamén de crustáceos como o percebe.

Como o resto das rías galegas, o Golfo Ártabro foi enclave singular na navegación atlántica do mundo antigo, pola súa abundancia en abrigos naturais e a súa posición central na confluencia das grandes correntes oceánicas, que obrigaban á necesaria parada nos portos galaicos, durante o tránsito marítimo entre o sur ou o norte da fachada atlántica.

Coa romanización, ábrese a ría de Ares ao comercio de peixe e mariscos, e as artes experimentan melloras técnicas, en continuidade coa tradición mariñeira ártabra. Novas redes, embarcacións máis seguras e unha mellor pericia nas artes mareantes permiten a navegación de cabotaxe e as primeiras experiencias na pesca de altura.

Ábrense os grandes roteiros marítimos coa propia Roma e Bética, e a explotación pesqueira intensifícase para satisfacer as esixencias do mercado imperial, que representa un dez por cento das capturas, cifra espectacular na altura.

A ostra, xunto á lamprea, é a especie de luxo na mesa das elites romanas, e se a desembocadura do Miño ou do Ulla son referencias no comercio apetecido do peixe, o Golfo Ártabro distínguese no comercio do non menos apreciado molusco. Nos primeiros tempos, transpórtanse ambas as especies en tinas de auga de mar viva.

Entre o século II e o século IV, os romanos introducen a salgadura, que alumará o nacemento da vila de Ares como potencia na salga de peixe.

A especialización de Ares na salgadura condición a tipoloxía de aparellos e embarcacións características do seu peirao, e tamén das artes da pesca. A tradicional discordia entre mareantes sobre a preeminencia da traíña e as artes eméritas na pesca da sardiña foi superada en Ares, como noutros portos das Rías Altas, pola arte da tarrafa, máis apropiada ás necesidades da industria da salgadura.

A tarrafa era unha rede de cerco con pano de seiscentos cincuenta metros de longo e sesenta e cinco de alto, que esixía barcos de certa tonelaxe. Introduciuse a principios de século XX, procedente do Mediterráneo, non sen polémica. A súa capacidade de arrastre entraba en conflito coa pesca tradicional, pero acabouse impoñendo polo seu rendemento industrial.

As tarrafas, como eran os chamados barcos que despregaban o cerco, foron no seu inicio de remos, pero rapidamente adaptouse a vela, para posteriormente introducir o vapor ou o motor de gasoil.

Polo calado, non podían atracar nas ramplas ou lengüetas da praia aresá, e eran servidas por lanchas que tanto servían para trasladar a carga de sardiñas e xurelos en cestos de vimbia para embarcar a tripulación como de punta de lanza no despregamento dos cercos.