VIVEIROS EN CUBA
A historia dos lugares é a historia das persoas que habitan neles, e por iso podemos dicir que a cidade da Habana tamén é historia das Rías de Ares e Ferrol.
Houbo unha época na que o galego era o idioma máis falado polos mariñeiros que faenaban no golfo de México. Era alí onde faenaban os barcos viveiros da cidade da Habana (Cuba).
Esta arte de pesca foi introducido en Cuba por navegantes canarios, pero cara a finais do século XIX era a emigración de Ares, Redes, Pontedeume e Mugardos a que controlaba case toda a frota viveirista da cidade.
No actual barrio de Casabranca, na capital de Cuba, estaba o Peixiño, un asentamento de barracas no que en míseras condicións establecíanse os emigrantes máis humildes. O seu idioma e o seu traballo no mar modificaron a paisaxe da baía da Habana, que ás veces lembraba ás rías de Ferrol e Ares.
Alí chegaron, viviron, traballaron e morreron moitas persoas saídas da nosa bisbarra.
Xosé Neira Vilas entrevistou a moitas destas persoas no seu libro Galegos no Golfo de México, recuperando a memoria deste anaco de historia que tamén é historia de aquí. Podes acudir a el se queres saber máis, aparte de preguntar á túa familia (podes levar agradables sorpresas).
OS BARCOS VIVEIROS
Os barcos viveiros eran barcos de vela de dous ou tres paus e unha eslora de vinte ou trinta metros, aparellados como goletas. O feito que os convertía en barcos viveiros era o de contar cunha adega que se asolagaba coa auga do mar, albergando así o peixe vivo dentro do barco tras a súa captura.
Na Habana gustaba comer peixe fresco, vendéndoo a un prezo moi superior respecto ao salgado. Esa foi a causa principal para que xurdise esta tipoloxía de pesca, que permitía manter ás presas vivas durante moito máis tempo. Daquela non era fácil conservar máis de 10.000 kg pescado (a capacidade aproximada que recollían estes barcos) nun clima tan quente como o caribeño.
O proceso era extenuante. As campañas duraban, como pouco, vinte días se o mar era benévolo e atopaban unha zona abundante en peces. Se non, podía estenderse ata o mes e medio.
O mar Caribe está repleto de perigos. Aos impredicibles ciclóns e tormentas sumábanse as fortes correntes e unha infinidade de arrecifes que debían sortearse sen o uso de cartas de navegación. Todo o traballo era manual.
Para saber se a zona escollida para a pesca era boa, tiraban unha sonda, coñecida co nome de escandallo, pola borda. Se a profundidade e a calidade do fondo mariño era propicia, os veleiros manobraban para deterse e largaban as liñas, con tres ou máis anzois con carnada. Se os peixes picaban, era o momento de fondear e comezar a faena.
Traballaban sen descanso ata izar as miles de libras que debían capturar. Pero a tarefa non terminaba co peixe en cuberta.
Ao tratarse de pesca de fondo, a única forma de que as pezas se mantivesen vivas preto da superficie era romperlles a vexiga natatoria, evitando que se expandise e morresen rebentadas. Isto facíase cravando, peixe a peixe, unha cánula oca que liberase o aire da vexiga, permitindo que así estes seguisen vivos varias semanas, ata chegar ao mercado da Habana.
Unha vez que chegaban á cidade, a pesca transportábase a unhas gaiolas mergulladas, as cachuchas, que servían de almacén para o peixe aínda vivo.
As cachuchas permitían principalmente dúas cousas: liberar os barcos da carga, quedando libres para volver partir en canto fose necesario, e estabilizar o prezo do peixe fresco, pois sempre había exemplares vivos almacenados nelas.
A tripulación constaba dun patrón e duns dez mariñeiros, dependendo sempre do tamaño do barco ou da ambición da campaña para desenvolver. Pero máis durezas e problemas arrasaban a estes mariñeiros, máis aló da dureza do traballo e as inclemencias dun perigoso mar.
Había épocas nas que o traballo non contaba con bos salarios, debido ao abuso por parte de armadores que impoñían prezos que non cubrían nin os gastos de manutención das campañas. Moitas destas inxustizas derivaron na creación dun sindicato, enmarcado no Sindicato de Mariñeiros da Habana.
A competencia de viveiristas de Florida, que tiñan permitido vender na Habana, inflaba a oferta, baixando os prezos da pesca e complicando máis a situación.
Un día, o peixe almacenado nas cachuchas comezou a morrer. A modernización da cidade trouxo consigo vertidos contaminantes que estragaron as augas limpas da Habana, e os viveiristas víronse obrigados a buscar outro lugar onde fondear.
Pero nin a loita obreira, nin a capacidade de adaptación da frota, nin a clandestinidade, serviron de nada contra a chegada dos barcos modernos, que tiñan neveiras para conservar a captura.
E a partir dos anos 40, este método de pesca tradicional foi decaendo ata a súa desaparición. Pero non todo foron penurias na emigración, e algunhas persoas lograron aforrar como para volver a Galicia, arranxar a casa e pasar a vellez con tranquilidade. E mesmo houbo quen se fixo rico. Iso si, unha minoría.
Pero tanto os máis ricos como os máis humildes foron capaces de non esquecer nunca a súa comarca natal, mandando de volta diñeiro á familia que esperaba en Ares, ou participando na construción e manutención das escolas indianas, que libraron do analfabetismo a xeracións enteiras de aresáns.