A Oficina de Información Turística (OIT) de Ares inicia unha nova tempada estival coa súa apertura

Comparte esta nota de prensa

  • A OIT permanecerá operativa até outubro con información sobre actividades culturais, deportivas e de lecer, rutas de sendeirismo, patrimonio mariñeiro ou a pegada indiana do municipio.
  • Entre os servizos previstos inclúese a atención ao público no alboio de Redes e a posta en marcha do sistema municipal BicicletAres.

 

O Concello de Ares xa ten en funcionamento a súa Oficina de Información Turística (OIT), un servizo destinado a orientar a quen o precise durante a tempada de verán arredor da oferta cultural, patrimonial e de ocio existente na vila.

Dende este pasado 9 de xuño, a OIT ofrece información actualizada sobre os principais recursos turísticos do municipio, así como atención personalizada para descubrir os atractivos naturais, históricos e paisaxísticos de Ares. A oficina permanecerá aberta até o mes de outubro, inclusive.

O horario de atención será de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, mentres que os sábados, domingos e festivos abrirase de 10:00 a 14:00 horas e tamén en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas.

Entre os contidos e servizos que se divulgarán dende a OIT figura a programación lúdica, cultural e deportiva do verán, amais da promoción dos ‘Camiños de Ares’, as rutas de sendeirismo que permiten coñecer o municipio dende a práctica deportiva e o contacto coa contorna natural.

Tamén se divulgará a forte pegada indiana existente na vila, o patrimonio vinculado ao mar e á tradición mariñeira ou os principais espazos de interese turístico do municipio, resolvendo dúbidas e atendendo as peticións das persoas visitantes.

No marco das actividades estivais, tamén se instalará un punto de atención ó visitante no alboio de Redes os martes e venres pola mañá do 1 de xullo ao 1 de setembro, ampliando os contidos da mostra fotográfica do seu interior, coa excepción da primeira quincena de agosto, período no que a Agrupación Instrutiva de Caamouco impulsará unha exposición tematizada arredor dos faros.

Ademais, está prevista a próxima activación do servizo municipal ‘BicicletAres’, pensado para facilitar o alugueiro de bicicletas e fomentar unha mobilidade sostible e cómoda aproveitando a configuración plana do núcleo urbano.

Para máis información, a cidadanía pode contactar coa Oficina de Información Turística no teléfono 981 468 259.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.