Ares recupera o lavadoiro da Fonte da Tella, en Lubre, o cuarto rehabilitado polo Concello nos últimos anos

Comparte esta nota de prensa

A institución aresá completou esta semana a intervención, que se suma deste xeito ó reacondicionamento dos lavadoiros de Baixolo, en Seselle; Bulleiro, en Lubre, e A Torre, en Cervás.

“Desde o goberno local dignificamos de novo un espazo cun claro valor etnográfico e tamén cun valor emocional para a veciñanza da contorna. Foron espazos fundamentais na construción da identidade dos e das aresáns”, declarou Olimpia Marcos.

A Concellaría de Urbanismo informou esta semana da finalización do proxecto de rehabilitación do lavadoiro da Fonte da Tella, en Lubre, unhas obras para recuperalo e dignificalo, solventando o grao de envellecemento que presentaba todo o conxunto arquitectónico.

A edila de Urbanismo de Ares, Olimpia Marcos, visitou onte a contorna do lavadoiro para examinar o remate da intervención, que contou cun orzamento total de 25.033,09 euros asumidos entre o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta (17.523, 16 euros) e a entidade de desenvolvemento local Seitura 22 (7.509,93 euros). A concelleira destacou “a nova imaxe do lavadoiro, agora con revestimentos e acabados novos, incorporando materiais que poidan ir en consonancia co espazo no que se atopa”.

O Concello eliminou as fisuras, desconchóns e manchas na superficie da súa estrutura, reduciu o impacto negativo na paisaxe local e tamén extraeu os restos de amianto. A maiores, executouse unha mellora da cuberta e a rehabilitación integral do vaso do lavadoiro, amais de impulsar unha nova canle de desagüe.

“Con este o goberno local xa rehabilitou catro lavadoiros dende inicios de 2022, sumándose o do río Baixolo, o de Bulleiro, en Lubre, e A Torre, en Cervás, dentro da nosa planificación urbanística para poñelos en valor, na que tamén incluímos a reparación da Fonte de Seselle”.

“E é así como pensamos que mellor se pode corresponder ao seu interese comunitario, pois son unha peza fundamental da nosa historia: lugares de socialización, de lembranzas, de comunidade… espazos con considerable valor etnográfico e que forman parte da memoria emocional dos nosos veciños e veciñas”, expón Olimpia Marcos.

Para concluír, a concelleira puxo a mirada no futuro, enfatizando que “continuaremos con outros lavadoiros, como será o caso do da Fonte da Cal, na contorna de Chanteiro”.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.