O Concello impulsa unha campaña de carácter medioambiental para poñer en marcha dúas novas illas de compostaxe colectivas

Comparte esta nota de prensa

Os novos composteiros comunitarios estarán operativos dende a próxima semana dando a posibilidade de xerar compost que se empregará en xardíns municipais ou se repartirá a quen o solicite para as súas fincas.

Con todo, a campaña arranca xa hoxe mesmo, 29 de outubro, que é cando se comezan a realizar visitas porta a porta nas vivendas da Avda. Mediterráneo e Rúa Xasmín para entregar un folleto informativo e un cubo de compostaxe de 10 litros.

Segue a medrar a infraestrutura ecolóxica de Ares despois de recibir recentemente o seu galardón como municipio con bandeira verde, o único xunto con San Sadurniño en toda a comarca. Desta volta, a Concellaría de Medioambiente vén de presentar unha nova campaña que inclúe a posta en marcha de dúas illas de compostaxe colectivo, xa instaladas nas contornas de Mariña do Pombal e GranxAres, ao carón da Galiña Azul da vila, incorporando un proceso informativo previo destinado á veciñanza.

A concelleira de Medioambiente de Ares, Lucía Blanco, detallou as fases desta iniciativa que supón “dar un paso máis na mellora do municipio como localidade verde, preocupada polos procesos medioambientais, de reciclaxe e de reutilización de materiais. Activaremos a próxima semana un par de illas de compostaxe colectivas novas, que se suman aos nosos 3 puntos limpos fixos, 1 punto limpo móbil e máis de 90 composteiros individuais instalados en fogares aresáns”.

“É toda unha infraestrutura ecolóxica que nos axuda a facer de Ares un lugar sostible, respectuoso co medioambiente”, continuou Blanco, que tamén supervisou o estado actual das dúas illas, “e máis tendo en conta que poderemos empregar o compost en xardíns municipais ou repartilo a quen o solicite para as súas fincas”.

Malia que as dúas illas de compostaxe colectiva estarán dispoñibles para o seu emprego a vindeira semana, xa hoxe mesmo, 29 de outubro, comezou a parte informativa da campaña medioambiental.

Así, dende hoxe e até aproximadamente mediados de novembro, o Concello promoverá diferentes visitas porta a porta ás vivendas sitas nas rúas Avda. Mediterráneo e Rúa Xasmín para formalizar a entrega dun folleto e un cubo de compostaxe de 10 litros, amais de informar da seguinte acción da campaña: a charla que se promoverá o 15 de novembro no Salón de Actos da Alianza Aresana e que estará aberta a toda a veciñanza que desexe saber máis sobre o proceso de compostaxe e os beneficios que achega en termos ecolóxicos.

Despois desta fase inicial centrada especificamente na formación da veciñanza, realizarase un acompañamento na xestión das illas de compostaxe, de tal xeito que os e as aresáns poderán solventar as súas dúbidas na transformación da materia orgánica en compost, que non ten pegada de carbono nin malos olores.

A materialización destas illas de compostaxe comunitarias axudan a facer do concello aresán un exemplo comarcal de economía circular e coidado entre administración local e veciñanza  da natureza e medioambiente.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña