Representantes das dúas entidades visitaron onte o centro educativo, que recibirá o vindeiro 2025 un investimento de 2,1 millóns de euros con cargo ao orzamento do executivo autonómico.
Para o goberno local, a intervención é un paso fundamental na remodelación dunha infraestrutura de 50 anos que non só ampliará o edificio, senón que tamén renovará o inmoble xa existente.
O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, acompañado das concelleiras Alma Barrón e Olimpia Marcos, recepcionaron onte á delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, e ao director territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, nas instalacións do CPI As Mirandas. Conxuntamente visitaron as obras que se están a realizar no colexio aresán cun orzamento de tres millóns de euros, dos que 2,1 millóns de euros xa se comprometen nos orzamentos de 2025 do executivo autonómico.
Durante o percorrido, revisaron o estado dunha intervención que marcha por bo camiño, e aproveitou o rexedor aresán para contextualizar o que está a supoñer a ampliación e reforma do CPI As Mirandas na vila: “falamos finalmente dunha obra que levabamos moitos anos agardando e que agora vemos que se materializa, despois da aprobación do PXOM, despois da adecuación e disposición dos terreos anexos á Xunta… Modernizarase un centro educativo con 50 anos, e ao final non só se trata de amplialo, tamén de mellorar as infraestruturas xa existentes”.
Para Julio Ignacio Iglesias, é esencial ollar toda a contorna do CPI As Mirandas: “agora mesmo temos esta intervención no colexio, pero tamén estamos renovando o pavillón deportivo e prevemos que, a continuación, poidamos arranxar a pista cuberta do centro. Son investimentos esenciais para a vila de Ares e para a comunidade educativa, un progreso palpable”. Só quedaría, baixo a perspectiva do alcalde do municipio, renovar as instalacións de secundaria, “e tamén agardamos que se actúe aí”.
SEIS AULAS DE INFANTIL E UN ESPAZO DE PSICOMOTRICIDADE
No proxecto de execución dos traballos no centro educativo aresán inclúese, de xeito específico, a construción dunha nova edificación que se conecte coa planta baixa do inmoble existente. Será dentro dela onde se incorporen seis aulas de Infantil, até o de agora distribuídas en diferentes espazos, e unha sétima de psicomotricidade; en total, 850 metros cadrados de superficie para os máis pequenos e pequenas.
Xunto a este proceso de ampliación, reformarase o inmoble existente, e é aquí onde se atopa neste momento a intervención: haberá unha mellora da eficiencia enerxética e unha reordenación de espazos. Xa se executou dende o seu inicio a renovación da cuberta e das ventás e, na actualidade, as obras céntranse na mellora da envolvente térmica das fachadas.
Na planta baixa do edificio (ocupada polas aulas de Infantil), situaranse no futuro os espazos administrativos, a aula de usos múltiples e a biblioteca, ampliándoa para dotala de máis posibilidades de emprego.