Cunha biblioteca municipal de Ares ben chea, nenos e nenas gozaron coas súas familias do espectáculo de narración oral de Ana Meilán que organizou onte a Concellaría de Cultura no andar superior da Alianza Aresana polo 24 de outubro, Día das Bibliotecas 2024, no marco do programa ‘Ler conta Moito’.
Baixo o título de ‘Un universo na túa maleta’, Meilán desembarcou cunha morea de libros para contar as aventuras de Peter Panker, un rapaz cunhas ganas enormes de ver mundo e percorrer o universo enteiro. Mais Peter descobre que pode facer todo iso a través dos libros, e de xeito inesperado se transforma en explorador de contos, con equipaxe e selo no seu pasaporte incluídos. E así, con este xogo narrativo, Ana Meilán lembra ás crianzas a capacidade de evasión que teñen os mellores libros.
Xa vedes que houbo maleta, que houbo unha escolma de boas historias… e moita diversión! Porque as bibliotecas son xa lugares fundamentais para encontrarse en comunidade, para recollerse e para desfrutar da cultura en todas as súas variantes.