O Festival Internacional de Entes Animados (FESTEA) que se está a producir nestas semanas en toda a comarca trouxo até Ares á compañía lusa Fío d’Azeite co seu espectáculo ‘Dom Roberto’.
As marionetas despregáronse no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro este sábado pasado para que a veciñanza botara unhas risas cos seus movementos, bailes e fungueirazos. Unha fórmula teatral, a da cachiporra, conducida por Nuno Correia Pinto, actor-marionetista especializado pola Universidade de Évora e tamén xestor artístico na contorna de Sintra. Co seu espectáculo rescata unha tradición popular da súa terra, ao lembrar a través dos seus monicreques narracións que se contaban de vila en vila nos albores do século pasado.
Con todo, no marco do FESTEA os e as aresáns poderán afondar aínda máis no teatro de Portugal nunha segunda xornada prevista para o venres, 27 de setembro, ás 20:00 horas na Alianza Aresana. Achegarase até o noso municipio Rui Sousa coa función ‘Sem pés nem cabeça’.
E se aínda queres máis, lembra que este festival materializa 20 espectáculos teatrais na comarca de Ferrolterra, espallándose en centros cívicos sociais do rural, espazos culturais e colexios da zona grazas á colaboración dos 8 concellos involucrados: Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Neda e Valdoviño.