Con moito doce, pero tamén con lemas que nos recordan a importancia do emocional no tratamento do alzhéimer, os usuarios e usuarias que participan das diferentes terapias de estimulación cognitiva no centro sociocomunitario do Concello conmemoraron o Día Mundial do Alzhéimer o venres pasado, coma peche da semana.
Da man dos profesionais de AFAL Ferrolterra que os acompañan no seu día a día e tamén da concelleira de Igualdade e Benestar, Victoria Montenegro, fixeron a súa propia festa para participar desta efeméride, unha data que neste 2024 pon o foco na especificidade da doenza. Como expón a Confederación Española de Alzheimer, é necesario abordarla de xeito específico, sen que as fórmulas para atendela sexan xeralistas e como ‘caixón de sastre,’ e tomando consciencia de que a perda da memoria non implica deixar de sentir.
No acto lúdico de conmemoración, os usuarios e usuarias tamén amosaron o resultado dunha das súas actividades, creando botes decorados para colocar dentro arena e conchas da praia de Ares.
A maiores, dende a propia Concellaría de Igualdade e Benestar destacan a existencia dunha unidade permanente de atención de Afal, baixo o nome de S.E.E.T.A (Servizo Específico de Estimulación Terapéutica de Alzhéimer e outras Demencias), creada en 2019 para desenvolver un traballo diario de mellora cognitiva, algo fundamental na loita contra esta enfermidade sen tratamento farmacolóxico específico.