O programa municipal de sendeirismo comezará redescubrindo a paisaxe das Fragas do Eume no traxecto circular de Soaserra-Caaveiro de 14,5 quilómetros.
O proceso de reserva previa abrirá ás 14:00 horas, habilitando 25 prazas cun custo de 15 euros. Estará operativo até o 7 de outubro ás 23:59 horas.
A Concellaría de Deportes vén de informar do inicio do proceso de inscrición para o primeiro percorrido da súa planificación de sendeirismo municipal, o SendAres. Dende hoxe mesmo, xoves 19 de setembro ás 14:00 horas, as persoas interesadas poderán formalizar a súa reserva de prazas a través do seguinte formulario, https://forms.gle/R69FAigybZBLtWN88
No primeiro itinerario, os sendeiristas achegaranse até a Igrexa de Santa Olaia de Soaserra, en Cabañas, descendendo até o Camiño dos Encomendeiros e percorrendo a antiga vía de acceso ao Mosteiro de Caaveiro, unha senda na que aínda resoan os ecos da historia. Será necesario levar tentempié, pois haberá xantar durante a actividade.
A ruta organizarase o domingo, 20 de outubro, e contará cun percorrido de 14,5 quilómetros e unha dificultade ALTA. Partirá dun prezo de 15 euros con servizos de guía, seguros e transporte de ida e volta incluídos. No tocante aos horarios de desprazamento, o autobús sairá da Praza da Igrexa de Ares ás 8:30 horas e regresará á vila preto das 17:00 horas.
A área de Deportes habilitou 25 prazas para a actividade, que se cubrirán por orde de solicitude até o 7 de outubro ás 23:59 horas, ou ata o esgotamento das mesmas, tendo preferencia as persoas empadroadas en Ares.