O Concello publica a oferta de escolas deportivas e culturais municipais para o 2024-2025

Comparte esta nota de prensa

As inscricións abrirán o 12 de setembro para empadroados/as e o 20 de setembro para non-empadroados/as, estando habilitadas até completar os grupos de cada escola. Posteriormente, do 1 ao 16 de outubro, será o prazo para aboar as matrículas.

Debido as obras no pavillón de Ares, as escolas deportivas que se realicen en pista (nomeadamente, tenis, tenis de mesa, baloncesto e voleibol) non se iniciarán até a finalización dos traballos.

As Concellarías de Cultura e Deportes veñen de lanzar hoxe mesmo a oferta de Escolas Municipais das súas respectivas áreas de traballo, unha programación para o 2024-2025 que se complementa coas actividades municipais xa publicadas anteriormente e que permiten dinamizar a vila dende o outono até o verán.

Neste ciclo, promoveranse 13 Escolas Municipais entre o deportivo e o cultural, cun abano de posibilidades que permutan entre o deporte en pista, con tenis, minibaloncesto ou voleibol ao náutico coa escola de vela lixeira ou patinaxe e xadrez. Con todo, quen desexe unha perspectiva máis artística, poderá mellorar as súas habilidades coa gaita nas sesións do Grupo de Gaitas Aresán e da Banda de Gaitas Ría de Ares ou atreverse con outros instrumentos no centro de música Laura Morgade. Tamén haberá sesións de pintura e debuxo infantil e unha Escola de Danza Moderna Infantil con Comp-Arte.

 

INSCRICIÓNS ABERTAS A PARTIR DO 12 DE SETEMBRO

Coa publicación desta oferta, o Concello tamén debulla o proceso administrativo para inscribirse nelas. Haberá dúas quendas de inscrición, realizándose a reserva de praza de xeito integramente telemático a través do apartado de Escolas Deportivas e Culturais Municipais 2024 habilitado na web institucional www.concellodeares.gal:

  • Do 12 de setembro ás 14:00 horas en adiante ata completar grupos para EMPADROADOS/AS.
  • Do 20 de setembro ás 14:00 horas en adiante ata completar grupos para NON-EMPADROADOS/AS.

Do 1 ao 16 de outubro, ambos inclusive, farase o pagamento da matrícula, que tamén terá dous importes en función da condición da persoa interesada, 10,13 € (empadroados) e 18,99 € (non empadroados). En caso de existir calqueira dúbida, pódese contactar vía correo electrónico con deportes@concellodeares.com ou cultura@concellodeares.com.

Con todo, existen outras escolas de interese que non están promovidas de forma directa pola institución aresá, mais achegan diversidade no eido deportivo para a veciñanza: kaiak e paddlesurf no Club Marítimo de Redes, fútbol no Numancia de Ares, remo no Club de Remo de Ares, BTT da man dos Pulpeiros Mugardos, atletismo con Paula Mayobre, música coa AC. Xábrega, jiu-jitsu e kickboxing en Loita Ares Top Gym… e todas elas teñen os seus propios procesos de inscricións e xestión de grupos.

 

AS ESCOLAS CENTRALIZADAS NO PAVILLÓN, ADIADAS

Por mor das obras de mellora da eficiencia enerxética que se están a producir no pavillón polideportivo de Ares, algunhas das Escolas Municipais comezarán cando éstas finalicen (previsiblemente ao longo do mes de novembro), namentres que o resto o fará con normalidade en outubro.

Acontecerá así no caso dos deportes de pista que se organizan dentro da oferta do Concello, nomeadamente: as sesións de tenis (+ 6 anos), a Escola Club de Tenis de Mesa C. de Narón, a Escola C. de Voleibol Narón Volea (+ 9 anos) e Minibaloncesto (6 a 16 anos). Asímesmo, reubicarase a Escola de Danza Moderna Infantil ó Local Sociocomunitario de Seselle.

 

 

TRIPTICO ESCOLAS MUNICIPAIS DEPORTIVAS E CULTURAIS 24-25

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña