Ares embarcarase nunha viaxe ao San Froilán de Lugo

Comparte esta nota de prensa

Co obxectivo de facilitar o desprazamento á veciñanza de calquera idade, o Concello fletará un autobús para visitar a cidade lucense o 11 de outubro cun custe de 12 euros ida e volta.

As inscricións xa están abertas até o 30 de setembro ou o esgotamento das prazas habilitadas, realizándose presencialmente nos Servizos Sociais de Ares no seu horario de apertura.

A Concellaría de Igualdade e Benestar vén de anunciar esta semana a organización dunha viaxe dende Ares até Lugo para gozar do San Froilán 2024, a súa Festa de Interese Turístico Nacional que se celebra do 4 ao 12 de outubro.

Boa gastronomía, espectáculos artísticos e musicais, un mercado con artesanía galega… todo iso e máis será o que poida explorar a veciñanza aresá durante a xornada do venres, 11 de outubro, onde se habilitará un autobús de ida e volta dende a localidade para facilitar o desprazamento en termos económicos e loxísticos.

O custe será de 12 euros, incluíndo unicamente o transporte en autobús e abonándose no momento da reserva de praza, e planifícase que se sairá da Porta do Sol ás 10:00 horas e, dende Lugo, aproximadamente ás 21:00 h.

Poderá inscribirse calquera persoa independentemente do rango de idade de xeito presencial no Departamento de Servizos Sociais. O proceso de inscrición está aberto dende esta semana até o 30 de setembro. Para a resolución de dúbidas ou máis información, está dispoñible o número de teléfono 981 448 354.

Pódeche interesar