As Escolas do Lago acollerán este mércores, 28 de agosto, a última das sesións de cine de verán que impulsa o Concello de Ares coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural.
Desta volta, será a quenda da proxección de A todo tren 2, unha comedia para toda a familia onde un grupo de rapaces e rapazas ficará totalmente só, sen proxenitores arredor, nunha viaxe en tren que estará chea de humor e aventuras.
O filme configúrase así como unha secuela de ‘A todo tren. Destino Asturias’, mantendo o seu particular estilo humorístico e seguindo de preto ás mesmas familias, mais cambiando os papeis protagonistas: se na primeira película eran os pais das crianzas, Ricardo (Santiago Segura) e Felipe (Leo Harlem) os que cometían o erro de deixar sen supervisión nin coidado a toda a súa ‘troupe’, nesta ocasión serán elas, Clara (Paz Vega) e Susana (Paz Padilla) as que perderán de vista aos seus fillos e fillas nesta nova aventura.