A música e o baile serán protagonistas un ano máis da programación que teremos entre o 16 e 18 de agosto no Ares Indiano. Viaxaremos alén do mar con exhibicións e clases maxistrais de danza latina, pero tampouco nos esqueceremos do baile galego tradicional e da parte máis contemporánea da danza, materializando o que tantos indianos fixeron no seu proceso migratorio: unir culturalmente dous territorios, Galicia e Latinoamérica, separados polo océano.
Coñeceremos da man de Álex Rodríguez e La Quinta Máquina as esencias das raíces afrolatinas e afrocaribeñas coa súa Salsomanía, un espectáculo que resalta a importancia da salsa como xénero musical, e deixarémonos levar pola reivindicación de SÉS, unha das grandes cantautoras galegas, e a súa mestura de rock’n roll e tradición oral galega.
Mais a proposta musical non fica aí, senón que tamén teremos a un bo número de agrupacións musicais de Ares e da comarca dinamizando as rúas da vila para que ninguén quede sen cantar nin moverse.
Os Canfurnada, os Primerizos, Tabernícolas Ferroláns, Rondalla Trovadores de Ares, Banda de Gaitas Aresán, a Banda de Música da A.C. Xábrega, a voz de Geno Fernández, a alegría dos grupos de veciños e veciñas como Son de Troula ou Sabor a Sal… non hai excusa para non gozar da festa de época nas nosas rúas!