Ares conmemora o 85 Aniversario da fuxida do Bou Ramón

Comparte esta nota de prensa

O 10 de agosto despregarase no Mosteiro de Santa Catalina unha ampla programación que homenaxea ao grupo de republicanos, activistas e sindicalistas que emprenderon unha dura travesía marítima para chegar até Francia, no seu exilio por mor da represión falanxista.

Organizarase unha exposición fotográfica e unha proxección de vídeo, amais de incorporar un coloquio divulgativo e os testemuños de familiares dos homes que iniciaron ese periplo. Rematarase cun espectáculo musical a cargo da Asociación Cultural Xábrega.

A Asociación Memoria Histórica Democrática, en colaboración co Concello e o Mosteiro de Santa Catalina, promove unha xornada polo 85º Aniversario da fuxida do barco Bou Ramón, un episodio que é parte da idiosincrasia de Ares, agora lembrado a través dunha grella de actividades durante o sábado, 10 de agosto.

O Mosteiro de Santa Catalina, a partir das 19:30 horas, transformarase en escenario de diálogo, reflexión e divulgación debullando a historia deste barco pesqueiro, o Bou Ramón, que partiu en xullo de 1939 dende a vila aresá con 26 persoas, todos republicanos que decidiron escapar da opresión falanxista exiliándose cara Francia.

Honrarase a súa memoria cunha exposición fotográfica que se instalará na mesma xornada do día 10 até o 17 de agosto, onde se realizará unha visita guiada ás 19:00 horas, mais tamén cun coloquio e proxección de vídeo sobre a travesía do Bou Ramón. Incorporarase ademais os testemuños de varios familiares dos republicanos, poñendo voz e rostro á historia, e unha intervención musical a cargo da banda de música da A.C. Xábrega.

UNHA TRAVESÍA CON ECOS NO PRESENTE

O municipio contribuirá deste xeito a tecer a súa memoria colectiva con esta programación que lembra ás máis de dúas ducias de homes republicanos que fuxiron da morte e procuraron pasar desapercibidos do férreo control dos falanxistas na comarca de Ferrolterra.

A bordo do Bou Ramón, emprenderon unha dura viaxe para salvar as súas vidas, mais esta se complicou e os ocupantes do barco pesqueiro tiveron que ser rescatados por unha segunda embarcación, o buque que finalmente os levou até o campamento de refuxiados de Barcarés, nos Pirineos Orientais. A fuxida foi, en realidade, unha fañaza, ao sortear a opresión que se vivía na comarca, mais tamén porque moitos dos que navegaron no Bou Ramón continuaron loitando contra a dictadura franquista ou o réxime nazi durante a ocupación alemá de Francia.

A súa travesía, así como o seu exemplo de pugna a favor dos valores democráticos, tomou forma en Ares cunha estatua do escultor Miguel Couto que se atopa nas instalacións da Alianza Aresana; unha obra para solidificar un episodio histórico que merece recordo e homenaxe, xusto como nesta xornada do próximo sábado.

Pódeche interesar