Principia a XVI edición do Campus Chiquibasquet de verán

Comparte esta nota de prensa

O son das zapatillas sobre a pista, o eco dos balóns de baloncesto e as instruccións dos monitores do XVI Campus Chiquibásquet de Verán enchen o pavillón polideportivo de Ares dende onte  até o 2 de agosto. Esta nova edición do evento formativo que promove Chiqui Barros ano tras ano na localidade vén de arrancar con éxito para que a rapazada poida gozar da práctica baloncestística tamén neste período estival.

Preto de 40 rapaces e rapazas de entre 5 a 22 anos estarán os próximos días combinando formación, diversión e mellora técnica durante tres horas de todas estas tardes. Serán sesións adaptadas ao nivel de cada grupo, traballando dende a mesma iniciación ao deporte –colocación do corpo, movemento do brazo, traxectorias do balón… – co perfeccionamento, baseándose en dinámicas lúdicas que caracterizan esta iniciativa que xa supera os quince anos de organización na vila.

Con todo, nesta edición tanto o Chiqui Barros coma a Concellaría de Deportes, que colabora activamente na materialización do evento, incorporaron unha novidade: un grupo de 18 a 22 anos que se focaliza moito máis no traballo coas habilidades técnicas de cada xogador.

Pódeche interesar